publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ángeles Vázquez e o alcalde de Curtis avaliaron a situación do sector lácteo neste concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Curtis

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Curtis

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu esta mañá ao alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos, para avaliar a situación actual do sector leiteiro neste concello coruñés, trala entrada en vigor do acordo lácteo.

Ángeles Vázquez trasladoulle ao rexedor que é preciso agardar a ter os prezos de outubro, que se coñecerán a partires do 20 de novembro, para poder facer unha valoración sobre o resultado do acordo lácteo. Así, insistiu en que non hai nin un mes que entrou en vigor este acordo pero que xa son visibles algúns resultados, como que a distribución deixou de empregar o leite como produto reclamo e se conseguiu frear a caída do prezo do leite.

A conselleira interesouse pola situación deste sector na comarca, xa que esta representa un referente importante na produción de leite en Galicia. Neste senso, a conselleira insistiu en que a Xunta vai estar vixilante do cumprimento do acordo lácteo e traballará na liña en que todos os gandeiros poidan contar con contratos sustentables. Así, lembrou que o Ministerio é o garante do acordo e que está cumprindo o seu papel ao reunir a todas as partes periodicamente para supervisalo.

Na xuntanza de hoxe, o alcalde de Curtis trasladoulle a titular de Medio Rural as súas propostas para mellorar o servizo de atención ao gandeiro na Oficina Agraria Comarcal, demandas que a conselleira se comprometeu a estudar.

A audiencia co alcalde de Curtis forma parte da rolda de contactos iniciada pola conselleira do Medio Rural para coñecer de primeira man a realidade dos concellos rurais de Galicia e impulsar o seu desenvolvemento a través de diferentes actuacións nas que está a traballar a Xunta, máis en concreto as relativas ao sector leiteiro, no que lle trasladou o seu incondicional apoio.

30 de outubro de 2015 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.