publicidade hoxe

Ames e Negreira estudan a colaboración no servizo de lacería e canceira dos animais abandonados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesNegreira
A-
A+
Reunión dos representantes municipais dos dous Concellos

Reunión dos representantes municipais dos dous Concellos

A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, reuniuse co alcalde de Negreira, Jorge Tuñas, e coa concelleira nicrariense de Agricultura e Medio Ambiente, María del Mar García. Nesta xuntanza tamén participou unha técnica do departamento amesán de Medio Ambiente. Dende o goberno de Ames estanse barallando varias opcións para xestionar este servizo municipal. Unha delas sería integrarse, de forma conxunta con outros concellos, no refuxio de Bando. Outra posibilidade é levar a cabo un proxecto común entre os concellos da comarca para mancomunar o servizo.

Esta xuntanza realizouse a petición do Concello de Negreira para coñecer a idea que ten o goberno amesán sobre a futura xestión do servizo de lacería e canceira dos animais abandonados. O Concello de Negreira, ao igual que o de Ames, ten contratado este servizo coa empresa Servigal, que se encarga de recoller os animais abandonados nestes dous municipios e de darlle custodia mentres se busca unha persoas que os poida adoptar. 

A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, explica que “o alcalde e a concelleira de Negreira querían coñecer de primeira man se dende Ames se está traballando para dispor dunha alternativa ao servizo que está realizando actualmente a empresa Servigal. En Ames o contrato que temos actualmente en vigor con esta empresa remata en outubro de 2016, polo que temos por diante 11 meses para resolver a fórmula de xestión deste servizo municipal”.

A edil amesá de Medio Ambiente indica que dende o goberno de Ames estanse estudando varias alternativas para prestar este servizo. A primeira vai ser falar co goberno de Santiago de Compostela para coñecer en que punto está a situación do refuxio de Bando. Hai que lembrar que a comezos deste mes de outubro a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, xa mantivo unha xuntanza coa concelleira de Benestar Animal de Santiago de Compostela, Noa Morales, para ter un primeiro contacto e falar da situación na que se atopa o refuxio de Bando.

Catuxa García explica que se vai falar cos Concellos de Teo e Brión para coñecer se están interesados en participar nunha mancomunidade que ofreza este servizo. “A idea que temos é realizar unha reunión conxunta entre os Concellos de Ames, Santiago de Compostela, Negreira, Santa Comba, A Baña, Teo e Brión para estudar a posibilidade de integrarnos en Bando. Outra opción sería mancomunar este servizo xa que hai un interese claro de realizar un proxecto común entre varios concellos da contorna”, explica a concelleira de Medio Ambiente de Ames.

Por último, Catuxa García destacou que “a campaña de concienciación sobre a obriga de censar as mascotas no Censo Municipal de Animais de Compañía está tendo moi boa acollida entre a veciñanza amesá. A través deste iniciativa o que pretendíamos era diminuír o número de animais abandonados e estámolo conseguindo”. 

22 de outubro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.