publicidade hoxe

A Xunta pagará preto de 620.000 euros en concepto das expropiacións do enlace de Curro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeisPortas
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda pagará nos vindeiros días preto de 620.000 euros en concepto de expropiacións polas obras realizadas para a remodelación do enlace de Curro. Ademais o Goberno galego tamén achegará 300.000 euros para abonar as expropiacións necesarias para a execución da futura autovía Curro-Baión. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra vén de publicar o anuncio polo que se convoca a un grupo de afectados para o cobro destas indemnizacións.

En total serán 116 os titulares beneficiados por estes pagos: 60 afectados polas obras levadas a cabo para a ampliación da capacidade do enlace de Curro e 56 para a execución da futura autovía entre Curro e Baión. A relación concreta os propietarios aos que se abonarán as indemnizacións estará publicada no edificio dos Concellos de Meis e Portas.

O pago aos afectados do Concello de Meis efectuarase na Casa do Concello o próximo xoves 29 de outubro, debendo acudir entre as 11:00 e as 11:30 horas os titulares dos bens afectados pola futura autovía Curro-Baión, e entre as 11:30 e 12:00 horas os das obras de ampliación do enlace de Curro.

Pola súa banda, os propietarios de bens situados no Concello de Portas, terán que achegarse o xoves 12 de novembro de 2015 entre as 11:00 e as 12:00 horas á Casa do Concello.

No que resta de ano, Infraestruturas ten previsto realizar pagos adicionais pola execución destas obras, para o que se realizará nos vindeiros días unha nova convocatoria.

Características das actuacións

O enlace de Curro é un dos principais nós de comunicación da comarca do Salnés ao servir de conexión entre autoestrada AP-9, a Autovía do Salnés (AG-41), as futuras autovías Pontevedra-Vilagarcía (AG-47) e Pontevedra-Vigo (A-57) e a estrada convencional PO-531.

As obras de remodelación levadas a cabo pola consellería, nas que se inverteron 40 millóns de euros, incrementou a capacidade e mellorou a seguridade viaria do enlace anteriormente existente, resolvendo así a problemática que este presentaba, principalmente na época estival, derivada das importantes intensidades medias diarias de vehículos rexistradas.

Ao respecto da autovía Curro-Baión, trátase dunha infraestrutura que requirirá dun investimento superior aos 80 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, que segue a ter prevista a súa planificación.

15 de outubro de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.