publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta organiza unha charla informativa sobre o programa de Garantía Xuvenil en Abegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

O programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria, continúa mañá en Abegondo a campaña de charlas que percorrerán máis de medio cento de concellos galegos co obxectivo de informar a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación sobre as posibilidades que lle achega este programa.

A sesión terá lugar a partir das 10 horas na aula CeMIT de Abegondo (Casa do Concello. Rúa San Marcos,1). As sesións, que esta semana chegarán tamén a As Pontes e Ortigueira, continuarán a vindeira semana en San Sadurniño, Pontedeume, A Estrada e Lalín, entre outros concellos.

O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas).

Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

21 de outubro de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.