publicidade hoxe

A Xunta inviste 103.000 euros na mellora de catro camiños rurais en Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Belén do Campo en Lousame

Belén do Campo en Lousame

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá Lousame para supervisar, xunto coa alcaldesa, Teresa Villaverde, o proxecto de reparación de varios camiños rurais que se ven de rematar no concello. Trátase dunha actuación enmarcada dentro do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal correspondente ao exercicio 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural. Deste xeito, o concello dispuxo dunha achega de 102.719 euros para realizar estas intervencións.

Os traballos, leváronse a cabo nas vías que unen Seixido e Filgueira, Seixdo e Ces, o cruce de Arxellas e Cambroño e Mirón e Lesende. En total, a actuación cubre unha lonxitude que acada os catro quilómetros de pistas de carácter municipal, onde se acometeu a mellora da capa de rodadura, tratamentos asfálticos superficiais, a limpeza e perfilado de cunetas e arranxo das fochas existentes nalgún dos casos.

Do Campo apuntou que o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo intervencións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

A delegada territorial tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Lousame. Neste senso, amosouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.

19 de outubro de 2015 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.