publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta iniciará a construción da nova ponte sobre o río Miño en novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PeroxaCarballedoLocal PortadaNogueira de RamuínPantón
A-
A+
Ethel Vázquez na presentación da infraestrutura

Ethel Vázquez na presentación da infraestrutura

A Xunta iniciará en novembro a construción da nova ponte sobre o río Miño, nos Peares. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou hoxe este proxecto que mellorará a mobilidade dos veciños desta zona, evitándolles un percorrido de case 7 km por estradas deficientes.

A conselleira explicou que esta actuación, cun investimento de 2,78 millóns de euros, permitirá a conexión entre ambas as beiras do río e facilitará o acceso á estrada N-120. Concretou que con estas actuacións tamén se promoverán os desprazamentos a pé, a través dunha senda peonil que discorrerá entre a vía nacional ata o núcleo dos Peares.

Vázquez destacou a especial consideración coa contorna desta infraestrutura, coidando especialmente a integración na valiosa paisaxe na que se vai construír e tendo en conta, ademais, que hoxe mesmo se está a celebrar aquí na Peroxa o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos afectados.

Obras complementarias

A responsable autonómica de Infraestruturas, na presentación do proxecto da obra principal, subliñou o comezo tamén hoxe da primeira das 4 obras de mellora da seguridade viaria comprometidas, que suman un orzamento de 60.000 euros.

Así, concretou que hoxe dan comezo as obras de construción dun aparcadoiro e dun miradoiro na zona do centro de saúde do concello da Peroxa.

O convenio asinado o pasado agosto entre a Xunta e os 4 concellos que integran o consorcio dos Peares (Ferreira de Pantón, Carballedo, Nogueira de Ramuín e A Peroxa) recolle tamén unha serie de actuacións para mellorar o ciclo da auga. Ethel Vázquez destacou que estes traballos xa están rematados e que supuxeron un investimento de 166.000 euros.

Vázquez precisou que a Xunta está a demostrar con feitos a súa determinación de dotar de infraestruturas axeitadas o interior de Galicia, cumprindo coa palabra dada aos veciños dos Peares, acometendo con dilixencia todas e cada unha das obras comprometidas neste núcleo tan singular e emblemático.

15 de outubro de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.