publicidade hoxe

A Xunta inicia a execución dunha senda no núcleo urbano de alongos en Toén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaToén
A-
A+
Visita aos traballos da adecuación de beirarrúas

Visita aos traballos da adecuación de beirarrúas

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de inciar as obras para dotar ao núcleo urbano de Alongos, no concello de Toén, de beirarrúas e mellorar así a seguridade viaria dos peóns desta zona. A Axencia Galega de Infraestruturas destina un orzamento de 40.864,70 euros, para a execución desta mellora, que conta con Fondos Feder.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, xunto co alcalde do municipio, Amancio Cid, visitou os traballos que teñen por obxecto a construción dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada OU-402, entre os puntos quilométricos 7+900 (na intersección a Toén) e 8+120, punto no que finaliza a senda existente, á que dará continuidade. Deste xeito, mellorarase a seguridade viaria do conxunto dos usuarios deste vial, e en especial dos peóns.

Martínez explicou que no treito no que se está a a actuar, a estrada tiña ata agora unha calzada estreita e sen beiravías; nas marxes, contaba con gabias en terra que se vían interrompidas polas entradas con distintos niveis a varias edificacións e a algún negocio, o que facía que os peóns circulasen pola calzada.

As obras levaranse a cabo actuando dentro do dominio público viario, co que se evitan as expropiacións. O deseño previsto consiste na execución de gabias transitables de seguridade; esta solución permite a circulación cómoda dos peóns, e ademais recoller as augas superficiais e conducilas aos sumidoiros.

A senda será de formigón con pendentes lixeira e de ancho variable para adaptarse ao terreo e aos peches existente. Tamén se colocará un colector de pluviais e, para completar a rede de drenaxe, executaranse os correspondentes pozos de rexistro de formigón.

O prazo para a execución das obras é de 3 meses, polo que a Axencia Galega de Infraestruturas rematará as obras neste outono.

Cómpre sinalar ademais que a Axencia Galega de Infraestruturas está a ultimar o proxecto construtivo doutra senda no concello de Toén, neste caso no núcleo de Freixendo, que permitirá mellorar a seguridade viaria noutro treito da mesma estrada OU-402.

Traballos para mellorar a seguridade

A Xunta de Galicia ten como unha das súas prioridades en materia de estradas a mellora da seguridade viaria, e en concreto a adaptación das súas infraestruturas para a compatibilización do tráfico rodado cos peóns que transitan por elas.

6 de outubro de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.