publicidade hoxe

A Xunta destina máis de 53.000 euros á ampliación da rede de parques infantís e a mellora do saneamento en Dodro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodro
A-
A+
Belén do Campo na visita a Dodro

Belén do Campo na visita a Dodro

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, achegouse hoxe ata Dodro para visitar xunto ao seu alcalde, Valentín Alfonsín, algunhas das últimas actuacións realizadas no concello ao abeiro das axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. En total, neste exercicio o municipio recibiu 53.372 euros deste departamento, que se destinaron á ampliación da rede de parques infantís e á mellora do saneamento.

A través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos galegos beneficiarse do canon eólico, Dodro recibiu neste ano 2105 a través das liñas competitiva e non competitiva 28.442 euros, que destinou a dúas actuacións de saneamento. Por unha banda, actuouse na AC-305, no cruce que une Rial e Imo, e, por outra, ampliouse a rede no lugar de Revixós.

Neste senso, Do Campo recordou que o fondo de compensación ambiental reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior como é o caso de Drodo e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.

Na mesma liña, a máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para comprobar o resultado dos traballos levados a cabo para dotar de novas áreas de xogos infantís aos lugares da Igrexa de Laíño, Dodriño e Vigo. Estas actuacións foron sufradas por unha achega de 24.930 euros relativa á orde de mellora das infraestruturas de uso público.

Así, o proxecto para dotar de novos espazos de lecer para a infancia consistiu, por unha banda, na pavimentación das parcelas con caucho, así como o seu valado, e na instalación de xogos infantís para o aproveitamento dos máis pequenos.

A delegada territorial aproveitou a súa visita ao concello para manter un encontro de traballo co alcalde, Valentín Alfonsín, para analizar os proxectos que desenvolve o Goberno autonómico na localidade e as necesidades actuais. Nesa reunión, Alfonsín trasladoulle as demandas locais, ante as que Do Campo expresou o seu compromiso de estudalas e de traballar intensamente para atendelas no menor prazo de tempo posible.

A máxima representante do Goberno galego na provincia destacou o apoio da Xunta aos concellos e, no caso de Dodro, agradeceu a colaboración do rexedor, que permitiu levar a cabo diversas actuacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. A delegada territorial reiterou a súa disposición a manter “todo o diálogo e cooperación” co goberno local para seguir incrementando o benestar dos cidadáns.

16 de outubro de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.