publicidade hoxe

A Xunta destina 75.000 euros á realización de melloras nos campos da feira dos concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BañaA CoruñaLocal PortadaNegreiraVal do Dubra
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o campo da feira da Baña, onde nas vindeiras semanas se levarán a cabo traballos para reparar as deficiencias e mellorar a súa imaxe, co fin de seguir potenciando este espazo como unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local. A actuación estará cofinanciada polo Goberno galego, a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria de 29.953 euros, que supón o 70% do investimento total.

Do Campo analizou co alcalde do municipio, Andrés García, o proxecto, que consistirá na rehabilitación das zonas onde se instalan os postos ambulantes en días de feira, na renovación dos bancos e papeleiras, así como na instalación de tres illas de madeira para a ocultación dos colectores do lixo. Ademais, instalarase un aparcabicicletas e un punto informativo e habilitaranse novas superficies axardinadas, con novas plantas baixas caducas e perennes. Por último, colocaranse catro sinais luminosas indicadoras do paso de peóns, co fin de mellorar a seguridade viaria no entorno. Todos os traballos deberán estar rematados o 15 de novembro.

A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que esta achega enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da consellería, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

Neste senso, a delegada recordou que tamén os concellos limítrofes de Negreira e Val do Dubra recibirán varias achegas por este concepto. No caso de Negreira, a Xunta destinará 29.827 euros a mellorar a imaxe e os servizos do campo da feira coa renovación do mobiliario urbano, a instalación dunha pérgola e mesas de merendeiro, así como a reparar as deficiencias detectadas no recinto. En canto a Val do Dubra, a partida autonómica será de 14.533 euros, que servirán para acondicionar o mercado ambulante de Bembibre, no que se delimitarán novas praza de estacionamento, pintaranse os pasos de peóns, eliminaranse as barreiras arquitectónicas e renovarase o mobiliario urbano. En definitiva, a finalidade destes proxectos será incrementar o atractivo dos recintos e atraer novos clientes.

En total, Economía e Industria vén de conceder apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

1 de outubro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.