publicidade hoxe

A Xunta continúa en Pazos de Borbén a rolda de contactos cos concellos da Área Metropolitana de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Alberto Pazos na reunión co alcalde de Pazos de Borbén

Alberto Pazos na reunión co alcalde de Pazos de Borbén

O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, reuniuse hoxe co alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, e co representante socialista do grupo municipal para coñecer as súas propostas e suxestións relativas á Área Metropolitana de Vigo.

Pazos Couñago continúa así a rolda de contactos cos 14 alcaldes da Área Metropolitana, que iniciou a semana pasada con Concello de Fornelos de Montes. Ao igual que na anterior ocasión, o director xeral destacou a boa sintonía co alcalde e co representante socialista da oposición cos que se acadaron varios puntos de acordo.

Ambos destacaron o necesario criterio obxectivo de financiamento, tal e como está recollida na actual Lei, e consideraron fundamental a posta en marcha inmediata do transporte metropolitana.

Ademais, indicaron que a opción de que non se estableza un voto ponderado na Xunta de Goberno suporía menoscabar os dereitos dos concellos do rural, porque xa teñen pouca representación na Asemblea, o que se debe compensar con maior peso na Xunta de Goberno, de tal maneira que esta funcione por consenso e que ningún alcalde poida proceder segundo o seu criterio.

Os encontros do director xeral de Administración Local da Xunta continuarán a semana que vén, na que está previsto que se reúna con representantes dos concellos de Soutomaior e Salceda de Caselas. O obxectivo destas xuntanzas é coñecer persoalmente as propostas e suxestións dos representantes municipais e intentar acadar así o máximo consenso posible para que a Área Metropolitana de Vigo bote a andar o antes posible.

9 de outubro de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.