publicidade hoxe

A Xunta continúa en Baiona a rolda de contactos cos concellos da Área Metropolitana de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+
Reunión do director xeral da Administración Local co alcalde de Baiona

Reunión do director xeral da Administración Local co alcalde de Baiona

O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, reuniuse hoxe co alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e cos representantes do PSdG, BNG e EU do grupo municipal para coñecer as súas propostas e suxestións relativas á Área Metropolitana de Vigo.

Pazos Couñago continúa así a rolda de contactos cos 14 alcaldes da Área Metropolitana, e ao igual que en anteriores reunións destacou a boa sintonía cos representantes do concello ca premisa común de botar a andar a Área o antes posible co máximo consenso entre todos, polo que agradeceron ao director xeral estas reunións nas que poden explicar polo miúdo a situación de cada concello con respecto á lei.

Na reunión indicaron que a financiación debe ser ponderada xa que aporta maior seguridade e racionalidade na contribución dos concellos, e coincidiron na pertinencia dunha achega fixa por habitante, en consonancia coa proposta da Xunta de Galicia, ademais de apostar por un sistema consensuado que ofreza garantías aos concellos, e todos coincidiron en que a Área debe botar a andar co máximo consenso posible. Consideraron fundamental a posta en marcha inmediata do transporte metropolitano.

Ademais, coincidiron tamén na necesidade dun equilibrio entre a Asemblea e a Xunta de Goberno, evitando a existencia do voto ponderado, que prexudicaría aos concellos máis pequenos da Área, de tal maneira que esta funcione por consenso e que ningún alcalde poida proceder segundo o seu criterio.

Os encontros do director xeral de Administración Local da Xunta continuarán este mesmo mércores co alcalde de Gondomar, co obxectivo de seguir coñecendo persoalmente as propostas e suxestións dos representantes municipais e intentar acadar así o máximo consenso posible para que a Área Metropolitana de Vigo bote a andar o antes posible.

26 de outubro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.