publicidade hoxe

A Xunta autoriza o traspaso dun tramo da estrada OU-320 ao Concello de Taboadela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseTaboadela
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou hoxe o cambio de titularidade dun tramo da estrada OU-320, entre Piñeira de Arcos (N-525) a Ponte Noalla (OU-105), a prol do Concello ourensán de Taboadela, concretamente, desde o punto quilométrico 17+500 ata o p.q. 19+700.

Esta estrada ten unha funcionalidade local, posto que é unha vía paralela á N-525, sendo a estrada nacional a que presta o servizo para os tráficos de longo e medio percorrido.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), está a levar a cabo obras de rehabilitación do firme desta estrada, nas cales investirá 200.000 euros. As obras están executadas na súa meirande parte, só resta rematar o tratamento superficial e a sinalización. A súa finalización está prevista para o vindeiro mes de novembro.

Con esta actuación o Goberno autonómico mellorou o estado do firme, que presentaba deformacións e irregularidades na sección transversal como consecuencia de diversas reparacións parciais realizadas ao longo dos anos.

Os traballos fixéronse nos núcleos de Espiñeira e Taboadela e consistiron no fresado do firme ata eliminar as deformacións existentes e a posterior extensión dunha nova capa de rodadura. A rehabilitación supuxo tamén a reposición da sinalización da estrada.

Desde a Consellería de Infraestruturas sinálase que estes traballos son un bo exemplo do esforzo que a Xunta de Galicia está a realizar en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, ás cales se destinan máis de 24 millóns de euros neste ano e se complementan con obras de conservación extraordinarias.

Co cambio de titularidade, o Concello de Taboadela poderá actuar sobre esta vía, que pasa a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas. Cómpre lembrar que a Axencia Galega de Infraestruturas acometeu as melloras solicitadas por este municipio ourensán en materia de firme e na sinalización.

O cambio tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

22 de outubro de 2015 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.