publicidade hoxe

A vindeira semana comeza o trámite de información pública do trazado da conexión da A-52 co polígono de San Cibrao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento que, na vindeira semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o sometemento a información pública do proxecto de trazado da conexión da Autovía das Rías Baixas (A-52) co Polígono de San Cibrao das Viñas.

Na súa intervención, a responsable de Infraestruturas e Vivenda da Xunta explicou que o Goberno galego xa ten presupostados 1,2 millóns de euros para esta infraestrutura, ao tempo que se reservan os fondos necesarios para executala nos orzamentos futuros.

Sinalou, ademais que, nestes momentos o proxecto de trazado e o impacto ambiental está en fase de supervisión, trámites que están xa moi avanzados.

Así mesmo, informou que se segue traballando para que, antes de que remate o ano, se licite a redacción do proxecto de construción, posto que o obxectivo da Consellería é que a redacción do proxecto construtivo se poida realizar en 2016, unha vez que remate a información pública e se aprobe definitivamente o proxecto de trazado e impacto ambiental.

Vázquez respostou na Cámara que o Executivo autonómico fala de compromisos concretos; partidas xa orzamentadas; e dun calendario de prazos establecido para impulsar unha conexión estratéxica que atenderá a demanda empresarial e cidadá; favorecerá a mobilidade e os desprazamentos nesta área industrial; ofrecerá novas facilidades para que as industriais alí asentadas poidan medrar; e suporá novas oportunidades para que o polígono industrial de San Cibrao das Viñas se converta en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia.

Mellora das comunicacións

Ethel Vázquez lembrou que, desde a Xunta, trabállase con intensidade na mellora das comunicacións das áreas empresariais, posto que dotar os parques industriais dos accesos axeitados garante unha maior competitividade e contribúe ao impulso da actividade das empresas galegas.

Esta infraestrutura empresarial conta con 5 millóns de metros cadrados de superficie; con máis de 300 empresas instaladas; e dá emprego a preto de 8.000 persoas. Un motor económico para toda a provincia que precisa das boas conexións coa rede viaria de alta capacidade para incrementar a súa eficacia na distribución de materias e mercadorías e xerar maior actividade.

Primeiramente, traballouse para acadar a alternativa máis viable e máis axeitada, un trazado que compaxinase a menor afección posible aos terreos, edificacións e infraestruturas xa existentes cos requirimentos técnicos que ten unha vía destas características. Así, deseñouse unha nova conexión que comeza no enlace de Gargantós da A-52, onde se conecta a propia autovía co viario local e a autovía AG-31 (Ourense-Celanova); e que discorre ata a N-525, ao sur do acceso ao polígono industrial.

A vía ten 4,5 quilómetros de lonxitude que toca aos termos municipais de San Cibrao das Viñas e de Taboadela, reduce o percorrido de conexión coa autovía en aproximadamente nun 66%, ao pasar de 11 a 4,5 quilómetros; e, paralelamente, mellora a conectividade coa autovía de Celanova.

Por último, a conselleira quixo lembrar o esforzo que se fixo para conseguir os fondos europeos necesarios para levar a cabo esta actuación, do que remarcou que é un traballo pouco visible, que sen embargo supuxo moito tempo e moitos esforzos e que hoxe permite poder contar con 15 millóns de euros de fondos FEDER, do período operativo 2014-2020, para executar esta conexión.

28 de outubro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.