publicidade hoxe

A VI Feira da Castaña e as XI Xornadas Micolóxicas centran o Outono Cultural 2015 de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

A VI Feira da Castaña e as XI Xornadas Micolóxicas integran a programación do Outono Cultural 2015 elaborada polo Concello de Touro. Os dous próximos meses que restan até chegar ao Nadal están repletos de actividades lúdico-culturais para maiores e para os máis pequenos. Haberá teatro, concertos, obradoiros e contos. Tamén están previstas actividades musicais e unha excursión en decembro á neve, concretamente a Manzaneda. O Concello de Touro programou unha ampla e completa oferta formativa para os seus veciños, onde tamén destaca a sensibilización ambiental en torno ao río Ulla e unha exposición sobre as máis de setenta pontes e pasos que atravesan o emblemático río.

As actividades comezarán o 29 de outubro. Ese día Cándido Pazó escenificará un monólogo sobre ‘Memorias dun neno labrego’, a obra de Neira Vilas, para nenos e maiores. Combinará humor, emoción, evocación e anécdotas. Será na Casa da Cultura ás 16.00 horas. O mes de novembro comezará cun obradoiro formativo de sensibilización ambiental: ‘O bosque da ribeira do Ulla e as súas plantas mediciñais’. Será no novo Centro de Interpretación do Río Ulla para escolares de primaria e secundaria. Neste mesmo espazo o Concello acollerá a exposición ‘As Pontes do Río Ulla’. Estará aberta do 3 ao 23 de outubro. A mostra, que percorre os diferentes concellos bañados polo río Ulla, mostra os máis de 70 pontes e pasos que cruzan o emblemático Ulla que separa e une dúas provincias: A Coruña e Pontevedra.

Touro dedicaralle o mes de novembro á castaña. O día 4 está programado un taller sobre ‘Cociña de outono’, que continuará durante a tarde dos mércores de novembro. Neste obradoiro poderase aprender a elaborar conservas de castañas e produtos de outono, ademais de realizar saborosas receitas con produtos de tempada. A VII Feira da Castaña será o 5 de novembro. Haberá magosto popular e unha mostra de doces feitos a base de castaña. Pola súa banda, as XI Xornadas Micolóxicas celebraranse do 5 ao 7 de novembro. Estarán destinadas a todos os afeccionados ao mundo da micoloxía e curiosos con ganas de aprender. O día 5 de novembro será Jaime Blanco quen fale sobre ‘Os principais cogomelos comestibles e venenosos da zona’. Será ás 18.30 horas no Centro de Interpretación do Río Ulla. O día 6 de novembro, ás 17.00 horas, no mesmo lugar será Miguel Ángel Tembra quen fale de ‘Conservación e deshidratación dos cogumelos’. O Roteiro Micolóxico para a recollida de cogumelos está previsto o 7 de novembro ás 10.00 horas. Ao mesmo tempo, do 5 ao 7 de novembro desenvolverase a Ruta da Tapa da Castaña e dos Cogumelos. Os establecementos de Fonte Díaz participarán elaborando varias e saborosas tapas a base dos produtos do outono.

O teatro tamén será protagonista no outono. O 9 de novembro Baobab Teatro interpretará ‘Contos con Roque’ no CPI Fonte Díaz ás 12.00 horas. E o día 12 será Danthea Teatro quen levará a Touro ‘Carapuchiña vermella’ e ‘O conto do lobo’. Será na Casa da Cultura ás 14.25 horas.

Dentro das actividades musicais, está programado o Concerto de Santa Cecilia, o 22 de novembro, a cargo da Banda Isabel II de Touro e do grupo Campo de Estrela. Será na Casa da Cultura. Ese día tamén presentaranse vos libros ‘As pontes do río Ulla’, de Henrique Neira, e Poemas de Manforote, autor nado en Novefontes.

Pola súa banda, a oferta formativa prevista para os próximos meses en Touro inclúe un curso de preparación para as probas de graduado ESO, curso de informática, de agricultura ecolóxica, de costura e de cestaría. O Concello de Touro convida a participar a todos os seus veciños nestas actividades. E deberán inscribirse na sede do Concello.

19 de outubro de 2015 | 21:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.