publicidade hoxe

A retirada dos dereitos mineiros a Edgewater non pecha as portas a novos proxectos coma o de Corcoesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

Logo do feito comunicado polo Grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esta semana, polo que a Xunta de Galicia acordou declarar a caducidade das concesións de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater en Cabana de Bergantiños, a Plataforma Salvemos Cabana considera que non procede falar dunha ‘vitoria total’ no conflito mineiro cando a Administración autonónomica sacará tarde ou cedo e sen a máis mínima dúbida as citadas áreas de explotación novamente a concurso nun contexto lexislativo que posibilita que unha gran corporación cos medios económicos suficientes non atope trabas para desenvolver un novo proxecto que permita a reapertura da polémica mina de ouro.

A pesar da cancelación das concesións “Emilita”, “Cidade de Landró” e “Cida de Masma” (códigos 1221, 1454 e 1455 respectivamente), que supoñían o eixo esencial do plan mineiro canadense, a Plataforma pídelle á Xunta un avance significativo na reforma da Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia, actualizada o pasado exercicio para cambiar a normativa de caducidade dos dereitos mineiros pero en absoluto modificada nos seus termos esenciais, como son a plena vixencia do Plan Sectorial de Actividades Extractivas (PSAEG) e o emprego de reactivos químicos de alta toxicidade coma o cianuro de sodio no proceso de recuperación do mineral.

De feito, nos artigos 11 e 12 da actual lei mineira 3/2008, ao PSAEG atribúenselle plenos poderes que chegan a prevalecer mesmo sobre os plans urbanísticos de zona ao incluirse o concepto de “máxima simplificación administrativa na tramitación dos expedientes mineiros”, establecendo unha clara preeminencia da actividade mineira por riba doutros sectores produtivos e dando de facto vía libre a un proceso liberalizador ao primar sobre o público criterios empresariais e económicos. Neste contexto, un novo proxecto mineiro en Corcoesto non só é posible senón mesmo probable cando a evolución económica permita un prezo á alza das materias primas que fagan rendible a súa explotación.

Doutra banda, a normativa actual toma como referencia en determinados momentos a Lei 22/1973, de Minas, unha norma preconstitucional elaborada nunha época cuxas esixencias ambientais difiren moito das actuais. Recalca, ademáis, a obriga de restauración dos terreos afectados por proxectos mineiros, pero obvia claramente a necesidade de que as empresas do sector constitúan garantías financieiras suficientes que poidan certificar o pago dos custos xerados por eventuais accidentes mineiros a gran escala.

A CLAVE É A ACTUALIZACIÓN DA LEI

A reforma da mencionada Lei 3/2008, aprobada na época do Bipartito cando Fernando Blanco (BNG) era Conselleiro de Industria é a clave para que conflitos mineiros coma o de Corcoesto non volvan a repetirse. Por iso en ningún caso deberíase afrontar á situación cunha actitude triunfalista mentres non se produza un cambio significativo na norma. A de Corcoesto foi unha primeira gran batalla gañada pola cidadanía e os movementos sociais pero sería un erro pensar que o problema queda descartado de maneira permanente.

AGRADECEMENTOS

Finalmente, e tal como fixo constar a asociación en outubro de 2013, logo do anuncio de cancelación do proxecto de Edgewater por parte da Xunta a Plataforma desaxa agradecer, sen patrimonializar en ningún caso a loita social, a colaboración de todas aquelas personas e institucións que fixeron posible que, de momento, a reapertura da mina de ouro de Corcoesto non sexa unha realidade.

7 de outubro de 2015 | 10:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.