publicidade hoxe

A nova praza pública de Soandres está practicamente rematada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Visita á nova praza de Soandres

Visita á nova praza de Soandres

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e os edís José Ramón Martínez Barbeito, Patricia Bello e Antonio Fraga, comprobaron persoalmente que as obras de construción da nova praza pública da parroquia de Soandres xa están practicamente finalizadas.

O proxecto desenvolveuse nun ámbito de titularidade municipal que alcanza os catro mil metros cadrados de superficie e está situado moi próximo ao mosteiro de San Pedro, na zona que é o principal punto de reunión dos veciños desta parroquia, lugar de celebración de festas e un dos puntos turísticos de referencia na zona interior do noso municipio.

O Concello da Laracha investiu 220.000 euros no acondicionamento para unha maior funcionalidade da parcela, a súa posta en valor e humanización. O novo espazo será aberto ao público nos próximos días como un ámbito que poderá empregarse como área de descanso, lugar de celebración de eventos multitudinarios e mesmo zona de aparcamento de vehículos nas ocasións que así o requiran.

O proxecto deseñouse acorde á protección patrimonial que a zona require por situarse próxima ao mosteiro de San Pedro de Soandres e a casa reitoral anexa, un dos conxuntos arquitectónicos de maior importancia histórica da comarca de Bergantiños.

A praza tamén se integra no entorno ao contar cunha ampla zona verde –dotada con diversidade de árbores autóctonos-, percorrido peatonal perimetral e área libre con pavimento de celosía de céspede, que permite o crecemento da vexetación para reducir o impacto visual. 

Tamén se realizaron as correspondentes melloras na rede de saneamento e abastecemento de auga, instaláronse tanto o rego por aspersión como a canalización eléctrica soterrada para a iluminación pública e dotarase á zona co correspondente mobiliario urbano. 

O Concello da Laracha está a apostar pola creación de prazas nas parroquias para ofrecer á poboación da zona rural novos puntos de reunión en áreas que, segundo as necesidades, tamén poden asumir outros usos como o de aparcamento de vehículos o lugares de celebración de eventos de interese comunitarios. Ademais da praza de Soandres, actualmente están en fase de obras as que se están a crear xunto ás igrexas parroquias de Soutullo e de Lemaio.

30 de outubro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.