publicidade hoxe

A Mesa Local de Comercio ultima os preparativos da Feira Multisectorial da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A terceira edición da Feira Multisectorial de Oportunidades que organiza a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL) en colaboración co Concello desenvolverase na fin de semana do 7 e 8 de novembro nas instalacións do pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís.

Precisamente para ultimar os detalles do evento este mediodía celebrouse no Salón de Plenos unha reunión da Mesa Local de Comercio, na que estiveron representados o Concello da Laracha –nas figuras dos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López-, a Xunta de Galicia –en Alberto Vázquez Sanmartín-, ACSIL –na súa presidenta, Concha Iglesias- e a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios –Rosa Otero é a súa presidenta-. 

Na xuntanza informouse aos membros da Mesa Local de Comercio sobre as características do evento. A instalación na que se desenvolverá ten capacidade para cincuenta e sete postos de 3×3 metros de dimensións, sendo tres o máximo que pode reservar cada empresa. 

Os establecementos comerciais do Concello da Laracha –sexan ou non socios de ACSIL- teñen prioridade á hora de realizar as reservas de stands. No caso de que quedasen postos libres, ofreceríanse a empresas doutros municipios. As persoas responsables de negocios que desexen estar presentes deben solicitalo poñéndose directamente en contacto con ACSIL.

O horario de apertura na xornada do sábado 7 de novembro será de 12:00 a 20:00 horas. O domingo a feira poderase visitar de 10:00 a 20:00 horas.

Tal e como establece a normativa autonómica, desde o Concello da Laracha xa se deu conta da celebración da terceira feira multisectorial de oportunidades á Dirección Xeral de Comercio.

13 de outubro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.