publicidade hoxe

A mesa de coordinación educativa e sanitaria sobre violencia de xénero presenta os programas do curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Reunión da mesa de coordinación local

Reunión da mesa de coordinación local

A mesa sectorial de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reuniuse hoxe no Salón de Plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza presidida polo alcalde (José Manuel López Varela), e na que tamén participaron a concelleira de muller (Rocío López), a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha (Ana Aldao), o comandante do posto da Garda Civil da Laracha (Sergio García), o médico-coordinador do centro de Saúde da Laracha (Aquilino Agromayor), o director do CEIP de Caión, as directoras e orientadoras dos colexios da Laracha (CEIP Otero Pedrayo) e Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) e a orientadora do IES Agra de Leborís.

A reunión centrouse principalmente na presentación dos diferentes programas que sobre esta materia se desenvolverán durante o curso nos centros de ensino baixo a coordinación do CIM. Acordouse que os alumnos de primaria participen en obradoiros relacionados coa xestión das emocións, a corresponsabilidade, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e, como principal novidade neste ano, levarase a cabo unha xornada lúdica na que participarán estudantes dos tres centros de ensino e onde realizarán xogos cooperativos e probas relacionadas cos bos tratos. Ademais, realizarase en colaboración co centro médico da Laracha un obradoiro de relacións afectivo-sexuais no que participarán alumnos de secundaria do IES Agra de Leborís.

Outro dos puntos tratados, continuando coa orde do día da xuntanza, foron a revisión dos mecanismos de coordinación entre os membros da mesa e o resto de servizos especializados, que foron valorados como “moi óptimos”, salientándose especialmente neste momento a labor dos profesionais do centro de saúde da Laracha pola súa “implicación, preocupación, sensibilización e eficacia”. 

Esta mesa sectorial sobre asuntos relacionados coa sanidade e educación en materia de violencia de xénero reúnese con carácter trimestral e a próxima xuntanza quedou fixada para o vindeiro día 18 de xaneiro.

Cabe lembrar que a Mesa de Coordinación sobre Violencia de Xénero está subdividida en dúas mesas sectoriais. A de coordinación policial está convocada para o mediodía do luns 19 de outubro no Salón de Plenos do Concello da Laracha.

5 de outubro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.