publicidade hoxe

A mellora do saneamento no núcleo de Sardiñeiro de Abaixo estará en servizo este mesmo mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFisterra
A-
A+
Ethel Vázquez en Fisterra

Ethel Vázquez en Fisterra

A conselleira de Medio Ambiente, territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, salientou esta mañá que as obras de mellora da rede de saneamento e augas residuais de Sardiñeiro de Abaixo, en Fisterra estarán en servizo este mesmo mes. Recordou que Augas de Galicia destinou un investimento de case 220.000 euros para a execución da rede separativa no Sardiñeiro, obra que supervisou esta mesma mañá.

Ethel Vázquez salientou que esta actuación completará a obra na estación de bombeo e impulsión de augas residuais neste núcleo e a conexión á rede xeral de Fisterra, ás que o Goberno galego destinou un orzamento de case 900.000 euros. Asemade, avanzou que se fará unha actuación no pozo de bombeo do Porto, por 60.000 euros, para culminar o saneamento integral, no que o Goberno galego investiu case 1,2 millóns de euros nestas tres actuacións, e mellorar a calidade das augas da praia do Sardiñeiro. Sinalou que esta cifra é unha mostra do esforzo da Xunta por dotar ao Concello de Fisterra das infraestruturas hidráulicas necesarias para o seu desenvolvemento económico e social.

O núcleo de Sardiñeiro de Abaixo contaba cunha rede de saneamento separativa e cuns colectores moi deteriorados debido á súa antigüidade, que presentaban filtracións. Tamén sucedía que noutras zonas, nas que o saneamento era unitario, estaba conectado á parte máis baixa do colector, polo que en épocas de chuvias producíase unha achega de augas limpas á rede, o que dificultaba o funcionamento da rede e da Edar. Co fin de repoñer as deficiencias existentes na rede de saneamento, proxectouse a execución de 7 colectores cunha lonxitude de case 900 metros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colabora neste tipo de obras co fin de resolver carencias nas infraestruturas dos concellos galegos. Neste caso a Xunta dota este municipio das infraestruturas hidráulicas necesarias para o seu desenvolvemento económico e social.

Saneamento das rías: prioridade

A conselleria manifestou que o saneamento das rías galegas é unha prioridade absoluta para o Goberno galego, que leva traballando nesa dirección desde o ano 2009. En Galicia hai actualmente 137 zonas de produción de marisco, das que 12 están catalogadas como zonas C. Iso supón que desde 2009 mellorou a situación de 39 zonas.

A pesar de que o saneamento e a depuración é unha competencia municipal, a Xunta colabora cos concellos para mellorar a calidade dos servizos, realizando investimentos para poñer en marcha infraestruturas ou asumindo a súa xestión. Son proxectos concretos que acreditan que o compromiso da Xunta co saneamento das rías é moi firme. Estamos a falar dun investimento de máis de 460 millóns de euros para sanear as rías galegas.

Asemade, Vázquez indicou que na distribución dos fondos FEDER 2014-2020 a Xunta contará con 87,8 millóns de euros para desenvolver liñas de acción estratéxicas como melloras nos sistemas de saneamento ou optimización de infraestruturas hidráulicas. Así, o importe do que disporá o Goberno galego para a execución de obras hidráulicas, principalmente nas rías galegas, ascende a un total de 133 millóns de euros. Trátase de actuacións que se derivan dos Plans de Saneamento Local actualmente en curso, co obxectivo de conseguir unha calidade óptima no medio receptor, é dicir, nos ríos e nas rías.

2 de outubro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.