publicidade hoxe

A Laracha completa o marcado das prazas de estacionamento da zona azul da Avenida Fisterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Na Avenida Fisterra, ou o que é o mesmo, o tramo da estrada AC-552 que discorre pola capital municipal da Laracha, está en funcionamento desde finais do ano pasado a zona azul gratuíta, un sistema de estacionamento limitado a noventa minutos establecido polo Concello. O obxectivo foi facilitar a rotación dos vehículos na que é a zona de referencia municipal a nivel comercial e de servizos, así como para a realización de certos trámites ao situarse neste lugar os edificios administrativos municipais e a maioría de oficinas de entidades bancarias.

Cando se realizou a primeira fase de marcado da zona azul quedara temporalmente excluído desas mesmas actuacións un pequeno tramo, concretamente a marxe esquerda desde a confluencia da Avenida Fisterra coa rúa Cuartel en dirección a Paiosaco. O motivo é que esta área quedara naquel momento pendente tanto do estudo técnico do Servizo Provincial de Estradas –a vía é de titularidade autonómica- como da renovación das marcas viarias neste ámbito –pasos de peóns, cebreado, etc.- recentemente acometidas pola Xunta de Galicia.

O Concello da Laracha, atendendo ao citado estudo técnico, procedeu no día de hoxe a marcar as once novas prazas de estacionamento que a partir do martes da próxima semana poderán ser empregadas do mesmo xeito que no resto da zona azul, que xa abarca por completo a Avenida Fisterra entre os seus puntos de confluencia coas rúas Baldomero Fraile e Coruña.

A zona azul da Laracha está en vigor de luns a venres (excepto festivos) exclusivamente en horario de mañá, de 9:00 a 15:30 horas. Permite o estacionamento de xeito gratuíto, pero limitado a un tempo de noventa minutos. Cada condutor debe colocar nun lugar visible do vehículo calquera medio que permita comprobar a hora de chegada. No Concello da Laracha hai discos horarios de cartón a disposición dos veciños que se distribúen de xeito gratuíto para facilitar o cumprimento da normativa.

Salientar tamén que a ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria establece que non poden aparcar en zona azul os vehículos que superen os 3.500 quilos de peso máximo autorizado (salvo permiso expreso) e que están exentos das limitacións os automóbiles con licenza municipal para actividades específicas de ocupación de vía, os vehículos de entidades públicas adscritos á defensa e á seguridade cidadá, as ambulancias e vehículos de emerxencias (cando se atopen cumprindo tales servizos) e os automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida.

9 de outubro de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.