publicidade hoxe

A Fiscalía de Menores de Galicia velará polos dereitos dos dous polisóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Europa Press

A Fiscalía de Menores de Galicia asegurou este martes que velará polos dereitos dos dous polisóns menores de idade que chegaron a San Cibrao (Lugo) a bordo dun buque que se dirixía ás instalacións de Alcoa. Segundo informaron fontes da Fiscalía, foi o Ministerio Público o que solicitou que se puxese en marcha “todo o protocolo” neste caso para comprobar que eran menores dous dos tres polisóns detectados a bordo do barco.

Tras realizarse as probas médicas oportunas, segundo indicaron as mesmas fontes, constatouse que un dos polisóns ten 15 anos e o outro entre 16 e 17.

Os dous polisóns menores foron levados ao Centro de Menores Nosa Señora dos Ollos Grandes na provincia de Lugo dependente da Xunta de Galicia, segundo apuntaron fontes da Consellería de Política Social.

FAMILIAS

Fontes de Fiscalía e da Xunta explicaron que “o primeiro é tentar contactar coas súas familias”, trámite do que se encarga a Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Policía Nacional de Ferrol, que asumiu as actuacións neste caso.

A Fiscalía, tras constatarse de que son dous menores, determinou que pasen a ser tutelados nun centro da Xunta e “velará para que se cumpra o establecido pola lei nestes casos”.

Mentres, fontes de Política Social explicaron que a Xunta ofrece “protección” a estes dous menores “en situación de desamparo” nun centro no que se lles proporciona “atención integral como a calquera outro”.

Respecto diso, as mesmas fontes do Goberno autonómico puntualizaron que será “o Estado” o que decida “que fai con eles”. Así, aclararon que a Xunta lles dá protección ante unha situación de desamparo e albérgaos” nun centro “ata que o Estado e a Fiscalía decidan como actuar con eles”.

13 de outubro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.