publicidade hoxe

A escola de música de Sober pon en marcha os ‘Xoves de cantos’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

A dirección da Escola Municipal de Música de Sober acordou a posta en marcha dun grupo de canto para adultos, que denomina ‘Xoves de cantos’ cuxa actividade dará comezo o vindeiro xoves 5 de novembro. Polo de agora xa hai preto de vinte persoas anotadas.

Segundo explica a directora, Laura Rodríguez, o que se pretende é reunir á xente que lle guste cantar para compartir as tardes do xoves. “Completamos así a oferta musical para adultos que se presta desde a Escola”, engade. A actividade desenvolverase no Centro Sociocultural a partir das 19:30 horas.

Os adultos que participen poderán cantar aqueles estilos que máis lles gusten, sen cinguirse a un en concreto. “Non pretendemos que sexa xente que xa saiba cantar nin que o faga de xeito profesional, senón que compartan unha tarde cantando o que eles prefiran”, apunta a directora.

Os interesados e interesadas en obter máis información poden chamar aos números de teléfono 982460513 ou 617506319. 

Outras novidades

A Escola incorpora este ano como novidade ensinanzas de danza galega. Os nenos e nenas de 3 a 6 anos terana incluída de xeito gratuíto dentro da matrícula de música e movemento. 

Ademais, a Escola ofrece clases de frauta traveseira, bombardino, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, percusión, piano, batería, guitarra e linguaxe musical. Tamén se imparten ensinanzas de música e movemento a partir dos tres anos e música para adultos, así como a posibilidade de formar parte do coro infantil. 

O centro forma grupos instrumentais e os alumnos e alumnas poden participar na banda xuvenil.

29 de outubro de 2015 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.