publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra asesorará ao Concello de Cambados para musealizar o legado de Ramón Cabanillas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra porá a disposición do Concello de Cambados os equipos técnicos necesarios para proceder á musealización do legado familiar de Ramón Cabanillas. Así llo anunciou o deputado de Cultura, Xosé Leal, ao concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, nunha reunión que mantiveron esta mañá no pazo provincial. Ao remate da mesma, Leal asegurou que “desde a Deputación entendemos que unha vila como Cambados ten unha moi completa oferta cultural que debemos potenciar e promocionar indo da man do Concello”.

Para proceder a esta musealización, o Museo de Pontevedra contactará de xeito inmediato co Concello de Cambados para coñecer as necesidades e establecer os prazos e o plan de traballo máis axeitado para cometer esta actuación. O proxecto contempla que se habilite unha sala no edificio Exposalnés para expoñer este legado, que viría a sumarse ás coleccións xa existentes na Biblioteca Penzol, na Real Academia Galega ou no propio Museo de Pontevedra.

O legado contén documentos de ou sobre Ramón Cabanillas, así como dos seus fillos fillas, entre os que destaca diversa correspondencia, libros dedicados, documentos gráficos orixinais e unha voluminosa colección de artigos e recortes de prensa, que recollen sobre todo os últimos anos da vida do autor, e as noticias relacionadas co seu pasamento e posteriores homenaxes.

O fondo de libros que contén o legado familiar está divido en tres partes, libros escritos por Ramón Cabanillas, incluídas todas as primeiras edicións, e exemplares de case todas as reedicións; libros dedicados polos seus autores a Ramón Cabanillas ou aos seus fillos; e libros antigos conservados na casa familiar.

Na xuntanza tamén se falou sobre o traballo da Fundación Manolo Paz, e o labor que está a realizar na promoción e o estudo da arte moderna e contemporánea. Neste sentido, Víctor Caamaño, tamén solicitou colaboración da Deputación para realizar unhas xornadas no vindeiro ano e que serán apoiadas polo organismo provincial.

Por último, na xuntanza tamén se mencionou a participación do Concello de Cambados no Culturgal 2015, que estará presente neste evento grazas ao posto que a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia na presente edición.

8 de outubro de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.