publicidade hoxe

A Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres recolle a experiencia dun rural en feminino en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Caravana Feminista

Caravana Feminista

A Caravana Feminista enmarcada na cuarta acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres estivo hoxe durante boa parte da xornada en San Sadurniño. Esta é a segunda parada que fai en Galicia, a onde chegou onte despois de percorrer Europa durante varios meses. Saiu do Kurdistán o 8 de marzo e desde alí cruzou o continente de leste a oeste mantendo encontros reivindicativos pero, sobre todo, coñecendo e recollendo experiencias demostrativas de que outro mundo é posible se son as mulleres quen toman as decisións.

A Caravana Feminista chegou pouco antes das 11 da mañá á Casa da Cultura con dous obxectivos ben definidos: mostrar todo o aprendido durante a longa viaxe emprendida en marzo e incorporar á súa bagaxe aqueles proxectos e experiencias de empoderamento feminino que se desenvolven en San Sadurniño. A xornada abriuna Ana B. Gundín, concelleira de Igualdade, quen destacou as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para que “un sitio tan pequeno coma San Sadurniño” poida facer visible o papel das mulleres na sociedade.

Bárbara Primo -unha das responsables comarcais da Marcha Mundial das Mulleres- contextualizou a función da Caravana Feminista como mecanismo de mobilización e reivindicación, pero tamén como foro de debate sobre “as propostas que temos as mulleres para acadar un mundo máis xusto”. Primo sinalou que a principal razón da acción é “unir en solidariedade a todas as mulleres de Europa” xa que, segundo asegurou, “todas podemos aprender de todas e queremos visibilizar as nosas loitas e experiencias”.

Trude Menrath, Ana Carolina Vieira e Carolina Moreira son tres das mulleres que participan na Caravana desde o principio. As tres foron as encargadas de relatar -ou resumir- cales foron os fitos máis importantes da viaxe en canto á colleita de coñecementos. Aínda que Bárbara Primo xa adiantara algo na súa intervención, foron elas quen puxeron o foco do necesario cambio social nun tamén necesario cambio no sistema económico e produtivo. Cun discurso coincidente, Trude, Ana e Carolina -e tamén Lucía, que veu de Ourense- artellaron os seus argumentos tomando como punto de arranque a incidencia da globalización sobre a agricultura e sobre o feito de que as políticas neoliberais acentuaron tanto os desequilibrios entre os territorios como as posibilidades de sosterse por si cos seus propios recursos, aínda tendo terra fértil para traballar. Desequilibrios que se ceban especialmente coa poboación feminina, sobre a que pesa a lousa dunha sociedade patriarcal e, a maiores, todos os males desencadeados -e multiplicados- polas guerras, a pobreza e a violencia.

A este respecto falaron de experiencias abandeiradas por mulleres que conseguiron virar a situación, como por exemplo a dun grupo que logrou frear en Turquía a construción dun encoro que asolagaría as súas terras de cultivo, ou o da cooperativa kosovar Krushe e Madhe, formada por viúvas da guerra que saíron adiante producindo e comercializando conservas. Mulleres, en definitiva, conscientes de seren donas de si e donas do seu futuro, vencellado indisolublemente á sustentabilidade ambiental, económica e social. 

A experiencia de San Sadurniño

Despois de coñecer as experiencias do resto de Europa tocoulle a San Sadurniño expoñer as súas. A axente de Igualdade do Concello, Verónica Rodríguez, repasou os proxectos desenvolvidos desde 2009 cunha participación maiormente feminina. “Mulleres de San Sadurniño”, “Sete parroquias. Sete mulleres”, “A escola dos meus avós e avoas”, “Tempos para compartir”, “Faladas de Muller”, “Teño unha horta en San Sadurniño”, “Miradas Novas” -a exposición fotográfica que hoxe se recuperou para o recibidor da Casa da Cultura- e “Fálame de San Sadurniño” centraron unha presentación que, vista así toda xunta, se revela como un mosaico en feminino do territorio. Entre o público -case medio cento de asistentes- estaban moitas das protagonistas destas iniciativas, que comentaron os seus puntos de vista sobre o machismo, sobre o papel da muller na sociedade e sobre o “moito que queda por facer” para alcanzar unha igualdade real. 

Xunto cos proxectos municipais tamén se expuxo unha iniciativa privada emprendida por Mati Ramos, quen deixou a cidade canda o seu compañeiro para instalarse no rural e tentar saír adiante co que dá de si a terra e cunha filosofía de integración co contorno. Cultiva e cría o que come e mesmo aprendeu a tecer coa artesá Fina Casal. Hoxe deseña roupa para bebés con tecidos naturais -liño, lá, etc.- e estuda abrir unha tenda virtual coa que darlle máis saída á súa produción baixo a firma “Zaloira Bebé Orgánico”.

A Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres finalizou as charlas preto das 14.30h. Pero o encontro non rematou aí. Despois as participantes asistiron a un xantar de convivencia no local social de Ferreira e, xa pola tarde, visitaron a exposición de traxe galego situada na galería da Casa do Concello, a horta de froiteiras do país e o paseo fluvial. Cara ás 19.00h. a Caravana chegará a Narón e mañá estará en Betanzos. Nos próximos días percorrerá Compostela, Vilar de Barrio, Allariz, Ourense, Vigo e, por último, Tomiño. Abandonará Galicia o 12 de outubro para entrar en terras portuguesas, onde está previsto que finalice o seu camiño de sete meses o día 17, cadrando co Día Internacional da Loita contra a pobreza.

6 de outubro de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.