publicidade hoxe

A autonómica feminina regresa a Vista Alegre co Cidade das Burgas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

O CD Burela FS Pescados Rubén B volve a Vista Alegre na cuarta xornada de Autonómica Feminina coa visita do Cidade das Burgas (domingo 11, 12.00 horas). Á fronte deste prometedor proxecto está Pablo García, que esta tempada alternará a responsabilidade de adestrador coas súas obrigas como preparador físico do conxunto sénior feminino. “Estou moi contento coa ilusión do equipo e tamén co seu rendemento tanto nos adestramentos coma na competición” recoñecía o burelao, que se interna nunha nova etapa profesional no club laranxa, nun ámbito no que xa conta con experiencia dirixindo equipos escolares en diferentes municipios da Mariña. “É un grupo moi ilusionado; gústalles moito o fútbol sala, son moi traballadoras e ata se lamentan se perden algún adestramento. Forman un excelente grupo, unido por unha grande amizade” loaba así as súas pupilas Pablo.

“A categoría é nova para todas, teñen que adaptarse, pero xa están competindo ben. Están respondendo ben en actitude sobre a pista e xogo, aínda que os resultados nas dúas últimas xornadas non nos acompañaran”, valoraba así o técnico o ata agora curto percorrido da escuadra laranxa en liga, que se estreou con vitoria ante o Leis Pontevedra (2-4) e caeu ante A Fervenza (5-7) e Fisober (4-1).

Mantense o bloque do ano pasado en Provincial, coa incorporación dalgunhas rapazas procedentes doutros equipos da Mariña: Jessica López, Lara Díaz, Xela Bernardo, Gracieth Coelho, Paula Lestegás, Anna Fernández, Carla González, Noemí da Silva, Paula Rubiera, Carla Bolaños, Nerea Abad, Silvia Otero e Nuria Rolle. O equipo complétano xogadoras que alternan o traballo co de Primeira RFEF, como Emma e Judith, ademais da burelá Silvia Rubal, que regresa procedente do Rioja FSF.

9 de outubro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.