publicidade hoxe

A acusación aférrase a que Alfonso Basterra estivo en Teo e a que houbo un plan conxunto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Europa Press

A acusación popular do caso pola morte de Asunta Basterra, que exerce a Asociación Clara Campoamor, defendeu este xoves que hai “indicios poderosos e máis que suficientes para afirmar que Alfonso Basterra” estivo na casa de Montouto o día da morte da menor e atribuíu o crime a un “plan conxunto” entre ambos os dous pais que Asunta “percibía”.

Durante o trámite de conclusións, a letrada da acusación Rocío Beceiro asegurou que a propia Asunta “deixou pistas sobre quen a matou” a través de testemuños sobre agresións e sedacións nos meses antes da súa morte. “Percibía que ese grave perigo que corría o estaba a correr dentro de fogar e que procedía das persoas máis próximas a ela”, sentenciou.

Esta percepción, apuntou, relaciónase co feito de que “os acusados iniciaron un plan” para acabar coa vida da súa filla” e “actuaron de forma conxunta” para chegar a este fin, establecendo unha “repartición de papeis”.

Dentro desta repartición, indicou a letrada, Alfonso Basterra “fai un grande abasto de Orfidal durante os meses previos á morte da nena e subministroullo a Asunta “con pleno coñecemento de ambos os dous.

“O asasinato de Asunta é cousa de dous”, explicou Rocío Beceiro, que ve na actitude actual dos acusados, cun “pacto de silencio e eloxio mutuo”, parte deste “acordo de vontades”.

MOTIVACIÓN

En canto á motivación do crime, a avogada explicou que a Rosario “a nena o molestaba”, como apuntan os informes de alta do sanatorio La Robleda, onde estivo ingresada. “Estaba a iniciar unha nova vida e tiña problemas para levala a cabo”, explicou.

En canto a Basterra, un home “sen oficio nin beneficio”, atribuíulle un “móbil económico” tras o divorcio, con ansias por “atopar algo moi poderoso que o vinculase ao futuro” coa súa exmuller e que a obrigase a un “pacto de silencio”.

Durante a súa argumentación, Beceiro foi mesmo máis alá e dixo que o acusado “é consciente” de que se deste xuízo sae condenada exclusivamente a súa muller, el, como vítima, vai poder esixir unha compensación económica á persoa que puidese ser condenada polo asasinato da súa filla”.

ADMINISTRACIÓN DE LORAZEPAM

Ante o xurado, a avogada de ha acusación recordou que as análises do pelo de Asunta informan de sedacións continuadas nos meses previos á súa morte. Así mesmo, recordou a declaración de varios profesores narrando ocasións nas que a nena acudiu sedada a clase ou non foi, que coinciden no tempo con compras de Orfidal por parte de Basterra. Destes episodios, apunta, teñen coñecemento tanto o pai como a nai en diferentes ocasións e, non obstante, nunca levaron a nena ao médico.

A pesar de que os pais de Asunta refiren consumos de antihistamínicos, a acusación recordou que esta substancia non se atopou no cabelo da vítima e que no mes que pasou coa súa madriña e a súa coidadora durante o verán “non lles deron ningunha pauta de medicación”.

EPISODIO DO CINCO DE XULLO

En canto ao episodio do cinco de xullo de 2013, cando Rosario Porto afirmou que un home entrara de madrugada no seu domicilio e intentado matar a Asunta, Rocío Beceiro recordou que a acusada non acudiu á policía ata que se decatou de que Asunta llo contara á nai dunha amiga e que “saíra do círculo familiar”. Aínda así, os pais non puxeron denuncia.

Desa noite, a letrada destacou que Porto enviou varias mensaxes ‘Whatsapp’ de madrugada e que asegurou que o home entrara porque se deixara as chaves da porta por fóra. “Un home calquera, vestido de negro e con luvas, de todas as casas de Santiago, atopa a única que ten as chaves postas por fóra”, ironizou Beceiro.

En setembro, o día 17, prodúcese outro episodio sen explicación cando a alarma de Montouto permanece varias horas desconectada sen que ningún dos pais recoñeza estar alí. Ao día seguinte “Asunta falta ao colexio e á clase de ballet” e, aínda que no xuízo se afirmou que estaba na casa da súa nai, a coidadora negou vela alí.

Finalmente, Beceiro fixo referencia a que o día anterior á morte de Asunta, o 20 de setembro, Rosario Porto pasou toda a xornada co seu amante e que Alfonso “a estivo a chamar continuamente”.

SEDACIÓN DE COMÚN ACORDO

O día dos feitos “os acusados comeron xuntos coa súa filla no domicilio de Alfonso”, recolle a acusación popular, que cre que ambos os dous, “postos de común acordo”, lle administraron lorazepam á súa filla “na comida ou xusto despois”.

Rosario Porto, engadiu, mantivo “nos momentos máis críticos” tras a desaparición de Asunta, que estivera na casa ata as 19.00 horas e que a nena quedara alí estudando, algo que é “falso” e que non pode explicar polas “lagoas” producidas polo Orfidal, dado que a recomendación de tomar máis dose non chegou ata o día seguinte.

Así mesmo, a letrada dá credibilidade ao testemuño da moza que viu a Alfonso Basterra coa súa filla esa tarde na rúa, concluíndo que é o pai “quen leva a Asunta e a introduce no coche da nai” aínda que, apunta, no resto do plan “Alfonso foi máis precavido, máis cauto e máis listo que Rosario”.

“Todos os indicios apuntan a que Alfonso Basterra estivo en Teo”, asegurou Rocío Beceiro que, entre outros elementos, recordou que no coche de Porto aparecen dous envoltorios de máscaras 3M, aínda que só unha, co AND de Rosario, na papeleira de Montouto.

A acusación popular descoñece “cál dos dous asfixía” a nena, aínda que está convencida de que “Alfonso estaba alí”, que axudou a cargar o corpo no coche de Rosario e que despois “volveu a Santiago a preparar a súa coartada”.

22 de outubro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.