publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e concellos de Santiago e Teo asinan o convenio para garantir o servizo de transporte urbano nos Tilos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

A Xunta de Galicia e os Concellos de Teo e Santiago de Compostela asinaron hoxe o convenio para garantir o servizo de transporte urbano no barrio dos Tilos. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega, e de Teo, Rafael Sisto, firmaron hoxe este convenio de colaboración para a coordinación dos servizos de transporte público con orixe ou destino na urbanización dos Tilos.

O obxecto deste convenio, que entra en vigor mañá, é habilitar o transporte urbano da cidade de Santiago de Compostela a estender os seus servizos á urbanización dos Tilos, situada fóra do seu termo municipal. En virtude de tal habilitación, poderanse realizar tráficos interurbanos coa dita urbanización, tanto de entrada como de saída da cidade.

O convenio asinado recolle a extensión das actuais liñas 6 e 12 do transporte urbano ata o barrio dos Tilos. Así, establécese que o servizo de transporte público colectivo á urbanización dos Tilos será prestado pola empresa contratista da xestión do servizo público de transporte urbano do Concello de Santiago.

Este municipio, como órgano de contratación, impulsará as adaptacións oportunas no contrato de xestión do transporte urbano. Así mesmo, nas futuras licitacións que promova o concello para adxudicar a dita xestión haberá de incluír a prestación dos servizos obxecto deste convenio, nas condicións que nel se prevén.

O acordo asinado hoxe segue o modelo do firmado o pasado mes de abril entre a Xunta de Galicia e os concellos da Coruña e Arteixo, que fai posible que o autobús urbano da cidade herculina preste servizo aos veciños do núcleo de Meicende, situado no municipio veciño.

Esta opción é xuridicamente posible ao amparo da Lei 14/2013, do de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que permite que, excepcionalmente, mediante convenios específicos, se estenda servizos urbanos fóra do termo municipal.

Comisións Técnica e de Seguimento

Con este convenio créase unha Comisión de Seguimento coa representación da Xunta de Galicia e dos concellos de Santiago e Teo, que terá como funcións velar polo cumprimento do convenio, interpretalo e resolver as posibles dúbidas e aprobar as modificacións substanciais nas condicións de prestación do servizo.

14 de setembro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.