publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xoán Curiel presenta en Brión o seu espectáculo “Estamos no verán!!!”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A Praza do Concello de Brión acollerá mañá venres 18 de setembro, ás 18:00 horas, o espectáculo “Estamos no verán!!!”, unha mestura de distintos estilos musicais dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. A actuación, organizada polo Concello de Brión e a Deputación da Coruña, é de entrada totalmente libre e de balde. No caso de choiva, o espectáculo tería lugar no auditorio do Centro Social Polivalente.

“Estamos no verán!!!” é un espectáculo baseado na novela-disco editada pola Editorial Galaxia. Recolle pezas de rock, pop, funky, bossa-nova, blues ou reggae compostas por Xoán Curiel para que os rapaces e as rapazas poidan sentir a enerxía do verán ao escoitar este disco cheo de maxia e de ritmo. No espectáculo participan catro músicos (Carlos Freire, Alberte Rodríguez, Alex Salgueiro e Xoán Curiel), dous cantantes (Jara Ortiz e o propio Xoán Curiel) e unha bailarina (Marta Alonso Tejada).

Percusión tradicional

E o sábado 19 de setembro, de 10:00 a 14:00 horas, a Casa da Cultura de Brión acollerá as IV Xornadas de Percusión Tradicional, organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración co Concello de Brión e a Deputación da Coruña. Unhas xornadas que terán ao pandeiro e á pandeira como protagonistas, cuns obradoiros prácticos impartidos por Luís Prego, estudoso e investigador do folclore galego, autor dos libros “Para cantar e bailar” e “ Xogos musicais”, así como de diversos artigos sobre a música e o baile tradicional en revistas e publicacións especializadas.

Con estas xornadas, a Asociación de Gaiteiros Galegos pretende crear un punto de encontro para poñer en contacto e establecer unha continua comunicación entre aquelas persoas relacionadas co mundo da percusión tradicional galega, así como aprender as bases técnicas destes instrumentos e estudar as formas e usos destes instrumentos de percusión dentro da música tradicional galega.

 

 

17 de setembro de 2015 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.