publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Veciños de San Sadurniño e Moeche súmanse á mobilización do sector lácteo en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoecheSan Sadurniño
A-
A+

Gandeiros e gandeiras de toda Galicia, pero tamén persoas que nada teñen que ver co mundo do leite xúntanse hoxe en Santiago para participaren na mobilización en apoio das demandas do sector, nunha xornada en que se seguirá moi de preto o encontro da representación da produción, da industria e da distribución coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina. Á espera dos anuncios que poidan saír desa reunión, os tractores seguen cercando Lugo e Santiago. A capital concentra boa parte da atención mediática, posto que a manifestación convocada para as 12.00h. vai ser multitudinaria. De San Sadurniño partiu sobre as 10.30h. un autobús con veciños e veciñas tanto de aquí como de Moeche, pero son arredor dun cento de persoas as que van en Santiago nos seus vehículos particulares e alí levan desde o luns unha vintena de tractores.

Os gandeiros e gandeiras están en pé de guerra para esixiren prezos xustos para o leite que lles permitan vivir dunha actividade que, ademais, sustenta boa parte da economía rural galega. En Lugo levan concentrados desde a semana pasada coa súa maquinaria rodeando a muralla romana. En principio había a intención de erguer o campamento e sumarse á tractorada de Santiago, pero finalmente a maquinaria que estaba en Lugo quedou en Lugo mentres a capital galega foi enchéndose a partir da madrugada do luns cos tractores chegados, principalmente, das comarcas do Xallas, da Amaía, Ordes, Arzúa-Melide, do Deza… pero tamén do norte da Coruña. 

De por aquí hai constancia de arredor de 20 explotacións que desprazaron tractores a Santiago, uns en plataformas e outros botándolle paciencia para completar o percorrido en arredor de 5 horas. Xa desde principios da semana houbo mobilizacións e distintas accións reivindicativas, maiormente no contorno das grandes superficies comerciais ás que o sector sinala como unha das raíces do problema dos baixos prezos do leite. 

Hoxe en Santiago aténdese ás protestas, pero tamén ao resultado da xuntanza convocada para hoxe entre o Ministerio de Agricultura, a produción, a industria e a distribución. Sobre a mesa teñen a tarefa de definir as medidas que restitúan o mercado a cadea de valor do leite ao seu estado lóxico, é dicir, con prezos finais que lle permitan a todos vivir en vez de ir trasladando as perdas desde o final ata o principio da cadea. 

E, tal e como están os ánimos nestes momentos, parece que os gandeiros e gandeiras non aceptarán boas palabras, senón solucións concretas e, máis que nada, mecanismos que aseguren o seu cumprimento: prezos mínimos garantidos, que non se venda leite a perdas, que existan contratos que ninguén poida romper unilateralmente e sen xustificación, recollidas aseguradas, etc. Todo apunta a que a tractorada se converterá en indefinida tamén en Santiago -igual que ocorreu en Lugo- se non se adoptan medidas de peso. Rumoréase que as protestas se poderían intensificar. Pero, en calquera caso, hoxe é un día clave para . A ver como remata. 

10 de setembro de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.