publicidade hoxe

Uns 60 postos participaron na Feira da reciclaxe de Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

O pasado domingo 20 celebrouse o mercado “Feira da Reciclaxe”  que organizou Ins3rtega  en colaboración co concello de Betanzos e coa Asociación Galega de Vendedores Ambulantes (AGVA). Para case 60 postos, o sol acompañou toda a xornada na mítica Praza Hnos García Naveira, e por suposto moitas persoas que visitaron a feira desde as 11 da mañá até as 8 da tarde.

Todos os que visitaron o mercadillo na Praza do Campo de Betanzos puideron ver e comprar unha gran variedade de cousas mentres deixaban aos pequenos nas diferentes actividades que había para eles. Pola mañá entretivéronse pintando pedras e dándolles cor. Desde as catro da tarde e até o final da xornada, as actividades centráronse en dous talleres de reciclaxe de cartón e papel e  outros materiais. Tamén se podía gozar da exposición de pezas dun veciño que principalmente  traballa con madeiras recollidas nas praias e experimenta reciclando outro tipo de materiais.

Destacar a parte máis solidaria da feira, que acolleu a unha decena de proxectos sociais e solidarios, dándolles a oportunidade de darse a coñecer e recadar fondos mediante a venda de artesanía e segunda man, para financiar as súas actividades. Ademais disto, recolléronse uns 100 quilos de comida para o  Programa de Reforzo de Alimentos do Concello de Betanzos. Pronto se realizará a entrega total de alimentos, xa que Insertega, organizadora da “Feira da Reciclaxe” fará unha doazón en alimentos co 10% das taxas dos postos que participaron como profesionais.

Ins3rtega con esta sexta “Feira da Reciclaxe” quere seguir potenciando o consumo responsable, dando relevancia ás accións de Reducir, Reutilizar e Reciclar (3R) e levando a solidariedade a este tipo de eventos.

22 de setembro de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.