publicidade hoxe

Un total de 23 cativos comezan curso na EIM A Rolada de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Caras de sorpresa nuns casos, nerviosismo noutros, alegría nos máis e algún que outro choro. Esa ben podería ser a instantánea do arranque dun novo curso na Escola Infantil Municipal A Rolada. Son un total de 23 criaturas distribuídas en dous grupos de idade, un de 0 a 3 e outro de 2 a 3 anos, que durante a xornada de hoxe iniciaron a etapa de adaptación na compaña das mamás e dos papás e das mestras que se encargarán dos seus coidados e da súa aprendizaxe nos próximos meses.

O proceso de adaptación busca que os pequenos vaian coñecendo pouco a pouco ás mestras, pero tamén aos compañeiros e compañeiras nun lugar que, para algún, é completamente novo. Por iso durante os primeiros días a cativería está acompañada de persoas maiores -os pais, avós, etc.- que fan un acompañamento mentres non collen a confianza suficiente para quedar sós na escola. Porén, todo chega, e será cara ao día 15 cando se dea por rematado este periodo.

Hoxe á mañá estiveron todos xuntos na mesma aula compartindo xogos e afacéndose a un espazo no que pasarán varias horas ao día facendo precisamente iso, xogar… pero tamén aprender. O martes que vén os nenos e nenas irán xa para as súas aulas, divididas este ano en dous grupos: un de 0 a 3 anos con 11 cativos e cativas e outro de 2 a 3 anos con 12. 

A actividade na Rolada irá collendo ritmo nos próximos días. De feito, o servizo de comedor empezará a prestarse desde o 15 para aqueles nenos e nenas que non precisen periodo de adaptación -os que xa estiveron no anterior curso, principalmente-, mentres que as novas incorporacións poderán utilizalo desde o primeiro de outubro. 

Por outra banda, nas últimas semanas tamén se fixeron algunhas pequenas obras no centro. As máis visibles son as de rotulación, que aínda se estaban rematando esta mañá. Pero no interior tamén houbo unha mellora importante, consistente en sustituír o entarimado de madeira tratada da entrada por un chan máis firme que se cubrirá con céspede artificial.

4 de setembro de 2015 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.