publicidade hoxe

Un total de 20 desempregados inician o ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’ impulsado por Touro e O Pino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO PinoTouro
A-
A+
Inauguración do obradoiro

Inauguración do obradoiro

Hoxe comenzou en Touro o ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’. 20 alumnos recibirán formación teórica e práctica dende hoxe e ata o 29 de febreiro. Na inauguración, que tivo lugar na Casa da Cultura de Touro, participaron, ademáis dos alumnos e alumnas e os formadores, os alcaldes de Touro, Ignacio Codesido, e do Pino, Manuel Taboada. Estes dous Concellos solicitaron conxuntamente á Consellería de Traballo e Benestar a realización do ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’ nas especialidades de Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes e Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas.

O ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’, que vai destinado a 20 desempregados (dez para cada especialidade), está inscrito nunha acción global que desenvolven os Concellos de Touro e O Pino e que tén como obxectivo a posta en valor do patrimonio natural e etnográfico, a promoción turística do territorio e a inserción laboral de desempregados. Os dous Concellos tamén pretenden mellorar a ocupación das persoas desempregadas neste territorio coa cualificación profesional adquirida a través da experiencia laboral mediante a realización de obras ou prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, dirixiu unhas palabas aos alumnos que participarán no obradoiro. “Deséxovos que poidades sacar proveito e que a formación que recibades poida servir para a vosa integración no mercado laboral”. O rexedor tamén destacou a masa forestal con que conta o Concello e o campo de traballo que se abre para os participantes: “Hai moito traballo por facer nos montes que temos”. Deu a benvida a alumnos e formadores. Pola súa banda, o alcalde do Pino, Manuel Taboada, tamén confiou en que a formación “sirva para abrir as portas do mercado laboral”. Na súa opinión, “este é o mellor camiño para obter traballo”.

Touro e O Pino lograron o obxectivo de poñer en marcha no seu territorio o ‘Obradoiro de Emprego Ulla-Tambre’. O proxecto basease nunha análise das fortalezas e oportunidades destes dous concellos e que son as seguintes: proximidade á capital de Galicia, existencia dunha relevante riqueza natural e paisaxística, dotación de infraestructuras para a promoción turística (albergues públicos e privados, casas de turismo rural, hostales, hoteles, oficinas de información turística, roteiro alternativo de bicicletas dos peregrinos que camiñan a Santiago, audioguías e roteiros de sendeirismo homologados), existencia de Rede Natura e consolidación do programa de promoción turística Área de Santiago.

Os alumnos/as traballadores participantes, unha vez rematado o periodo de formación, estarán en condicións de acceder ao mercado laboral, ben por conta allea ou creando a súa propia empresa.Os Concellos de Touro e O Pino destacan a importancia que supón a realización deste obradoiro de emprego. “O sector turístico e forestal son un motor de despegue económico da comarca”, lembran dende os dous concellos. E destacan que os traballos consistirán en potenciar recursos e elementos que poñan en valor o potencial turístico e forestal. A masa forestal, un recurso endóxeno por explotar, é nestes dous concellos da máis abundante da comarca.

1 de setembro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.