Un ferido nunha explosión nunha canteira de lousa na Fonsagrada
Un home resultou ferido este mediodía con diversas queimaduras no seu corpo ao explotar o compresor que manipulaba cando estaba a realizar o seu traballo na canteira situada en Lamas de Campos, no municipio lucense da Fonsagrada, segundo informou a Axencia Galega de Emerxencias.
Debido á gravidade das lesións ocasionadas, os servizos sanitarios requiriron a presenza do helicóptero medicalizado con base en Ourense que, tras tomar terra no lugar onde ocorreron os feitos, trasladou ao ferido até o aeroporto de Alvedro.
En Alvedro agardábao unha ambulancia que o trasladaría ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Tras o aviso deste accidente, ao redor das 13,00 horas, o CAE 112 Galicia informou a Urxencias Médicas e solicitou a colaboración da Garda Civil e dos membros do GES e de Protección Civil da Fonsagrada.