publicidade hoxe

Turismo de Galicia patrocina a I edición do Torneo de golf de outono Peregrinación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMondariz-Balneario
A-
A+

O campo de golf de Mondariz Balneario acolle ata o vindeiro 2 de outubro, a I edición do Torneo de golf de outono Peregrinación, un evento deportivo patrocinado por Turismo de Galicia para promover a práctica deste deporte na comunidade galega.

Neste torneo, que está enfocado ao público sénior, participan golfistas da Asociación Española Sénior de Golf, AESGOLF, procedentes de España e Portugal, que ademais de competir neste evento poderán gozar da oferta turística galega.

Así, como actividades complementarias, está previsto un cruceiro pola Ría de Vigo, con visita á Illa de San Simón e un almorzo no castelo de Soutomaior. 

Desestacionalización turística

Este evento, ademais de dar a coñecer as posibilidades de Galicia para a práctica do golf, busca tamén a promoción da desestacionalización turística e promover especificamente o turismo de saúde, para os participantes no torneo e os seus acompañantes. 

Este torneo celébrase ao longo de dúas xornadas na modalidade de stableford, sumando os resultados de ambas as dúas xornadas para obter a clasificación final.

Ao final, outorgarase un premio ao mellor clasificado sénior pertenza ou non a AESGOLF. 

Para esta proba están previstos ademais, seis premios para xogadores sénior pertencentes a AESGOLF, tres na categoría feminina e outros tres na masculina; e outros dous premios para os xogadores que acaden o mellor handicap da clasificación xeral tanto na categoría masculina como na feminina.

O golf no Plan Integral de Turismo

No Plan Integral de Turismo de Galicia ven reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.

Por iso, ata o ano 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.

Deste xeito, entre as actuacións máis salientables destacan a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos Green Day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de Green Fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf; así como a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.

29 de setembro de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.