publicidade hoxe

Teo convoca aos concellos da comarca para traballar nun protocolo conxunto de acollida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo mantinvo unha reunión con representantes de varios concellos da comarca para abordar a situación dos refuxiados e poder traballar nunha resposta de acollemento conxunta. O alcalde de Teo, Rafael Sisto, que fixo o convite a Compostela, A Estrada, Padrón, Trazo, Oroso, O Pino, Brión, Ames, Vedra, Boqueixón, Rois, Val do Dubra e Touro, destaca a necesidade de “traballar nunha estratexia intermunicipal de apoio e acolida de persoas refuxiadas na comarca en base ás capacidades e ao interese en facelo, escapando de anuncios demagóxicos nun tema tan serio”. “Con este paso tentamos alonxarnos de declaracións xenéricas coas que todos/as podemos estar dacordo que non serven de nada se logo non somos capaces de concretalas nunha oferta real” explica Sisto.

Na reunión realizada onte Teo presentou un documento base sobre o que se deseñaría a estratexia de apoio ás persoas refuxiadas. Este acollemento ten que responder a un compromiso municipal estable e ofertar un modelo integrador permanente máis aló de crises  migratorias puntuais. Na aposta política do Concello de Teo con este tema “pesa moito a implicación social xa que nos atopamos nun momento no que a sociedade está ofertando os seus recursos e as administracións debemos estar á altura e coordinar e vehiculizar ese apoio” destaca o rexedor. 

Na xuntanza realizada en Teo falouse dalgunhas das medidas que se consideran necesarias para poder coordinar o acollemento. De entre elas destacan o apoio económico ao proxecto que cada concello debería establecer nos seus orzamentos para o exercicio do 2016 e para os seguintes. A maiores deste compromiso económico estable teríanse que organizar as posibilidades de acollida que a cidadanía puidera ofertar así como reforzar servizos como Bancos de alimentos, roupeiros municipais ou grupos de voluntariado en temas de apoio social, lingüístico, psicolóxico, de intermediación cultural…

En Teo estase recollendo xa esta información que se vén de trasladar á Fegamp e ata este momento xa se amosou a dispoñibilidade dunha vivenda baleira e varias habitacións. A maiores hai persoas voluntarias para o tema do idioma, mediación cultural ou apoio educativo. Dende o Departamento de Benestar de Teo séguense recollendo os ofrecementos polo que as persoas que queiran colaborar poden facelo enviando un correo electrónico a ignacioiglesias@concellodeteo.com indicando no asunto ACOLLIDA ou no teléfono mobil (609 716 761).

Posteriormente persoal técnico realizaría unha visita ao domicilio e faríase unha entrevista coas persoas ofertantes para estudar e valorar a oferta. Con esta información confeccionarase unha oferta seria de posibilidades de acollida.

Dende o Teo destácase a receptividade dos Concellos da Comarca diante desta convocatoria urxente na que se quedou en traballar nun documento en cada Concello para unha avaliación posterior nunha próxima reunión. 

8 de setembro de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.