publicidade hoxe

Teo acollerá a última proba do Campionato do Mundo de Trial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTeo
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

Ás 12 do mediodía presentouse no Salón de Plenos do Concello de Teo o VIII Trial Concello de Teo, organizado polo Club Motociclista Teo, e que este ano ten o atractivo de ser unha proba puntuable para o Campionato do Mundo de Trial.

O presidente do Club, Casimiro Carcía, presentou a proba, que se desenvolverá este vindeiro sábado e domingo a partir das 9 da mañá, partindo da Piscina Cuberta da Ramallosa, lugar onde está colocado o paddock, e con zonas próximas a este e outras de máis complicado acceso no monte de Lampai.

Casimiro García anunciou que a proba se disputará en 12 seccións diferentes, cunha distancia máxima entre elas duns 18 km e ás cales os pilotos lles darán 3 pasadas. Así mesmo, confirmou a asistencia de 28 pilotas femininas na proba, na que para elas será a segunda proba do mundial feminino. 

García tamén quixo deixar claro o papel das institucións, nomeadamente do Concello de Teo, do que “sen o seu apoio incondicional non sería posible organizar isto”, así como da Secretaría Xeral para o Deporte. Compraceuse da confianza que a Federación Internacional de Trial depositou neste club para a organización. 

O presidente da Federación Galega de Motociclismo, Fernando Fernández, felicitou ao Club Motociclista por lograr organizar unha proba desta envergadura en apenas 45 días e louvou o percorrido no que vai ter lugar a proba cualificándoo de excelente.

Un dos xurados da proba e membro da Federación Internacional, José Puntí, recalcou na  premura na organización coa que se encontrou o Club, polo que tivo que dobrar esforzos para conseguir sacar adiante a proba. Subliñou que probas deportivas coma esta son, ademais dun espectáculo deportivo, fonte de riqueza e turismo para os lugares que as acollen. 

O secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, destacou que “no momento no que hai un par de semanas lle presentaron a posibilidade de que a proba recaese en probas galegas se deu conta de que era unha oportunidade que non se podía deixar escapar”. 

Dixo tamén que “esta non é unha proba do mundial, é un 4×1”, facendo referencia a que ademais da proba masculina puntuable para o mundial tamén se disputa unha proba do mundial feminino, ademais das categorías Cup e 125 CC.

Para rematar a presentación, o alcalde de Teo, Rafael Sisto, recoñeceu que “se hai dous meses nos din que hoxe estariamos presentando aquí unha proba do mundial de Trial diriamos que estamos tolos” e fixo fincapé en que esta organización “sería imposible sen a forte afección a este deporte que hai neste concello”, centralizada no Club Motociclista Teo. Por último manifestou que “simplemente o traballo que a organización levou a cabo nestes días a contrarreloxo merece que a proba sexa un éxito”. 

Nesta presentación tamén estiveron presentes dous dos grandes protagonistas da vindeira fin de semana, o piloto galego Jorge Casales e o catalán Miquel Gelabert. 

Nesta fin de semana, polo tanto, como rematou dicindo Casimiro García, “Teo é a capital mundial do trial”.

 

10 de setembro de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.