publicidade hoxe

Sober pon en marcha a primeira escola municipal de teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober vén de por en marcha a Escola Municipal de Teatro cuxa actividade dará comezo a primeira quincena do mes de outubro. Todos e todas as interesadas en anotarse terán de prazo ata o día 15. As clases serán gratuítas e correrán a cargo da dramaturga e directora de escena Eva F. Ferreira, titulada en Arte Dramática.

A oferta educativa que propón o Goberno local a través da Escola Municipal de Teatro pretende reforzar a oferta en formación, fomentar a sensibilidade artística e a afección polas artes escénicas, así como facer partícipes aos soberinso e soberinas na dinamización sociocultural do municipio e da súa contorna.

O rexedor, Luis Fernández Guitián, subliña a importancia da creación da Escola de cara a crear unha canteira de actores e actrices que no futuro poidan ser profesionais do teatro galego. “Sober ten unha fonda tradición musical á que agora queremos unir tamén o teatro e a expresión dramática”, engade. O obxectivo, precisa, é o de converter as escolas municipais de Sober nun referente comarcal en formación, tanto en música como en teatro.

Tamén se colaborará con outras escolas municipais na organización de proxectos e actividades artísticas e pedagóxicas. 

Quen se pode anotar?

A Escola Municipal de Teatro está pensada para xente de todas as idades a partir dos seis anos. Faranse grupos segundo as idades e o número de persoas anotadas. Non é preciso contar con experiencia previa neste tipo de actividades. As clases, que se impartirán no Centro Sociocultural, serán prácticas, cun enfoque lúdico e comunicativo. 

Os interesados e interesadas poden obter máis información no Centro Sociocultural ou no número 982.460.513.

29 de setembro de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.