publicidade hoxe

Servizos sociais e asociacións de Cangas reúnense para abordar a crise humanitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Reunión de Servizos Sociais e as asociacións de Cangas

Reunión de Servizos Sociais e as asociacións de Cangas

Esta mañá mantiveron unha xuntanza varios representantes dos Servizos Sociais e de diferentes organizacións canguesas: Vida Digna, Cáritas, Comedor Social e Plataforma SOS Sanidade co fin de tratar a situación actual da crise humanitaria dos refuxiados de Siria e a colaboración entre concello e organizacións municipais.

Dende o Concello trasladaron toda a información que se manexa e explicaron cales serán os seguintes avances pola súa parte. Mañá mesmo (xa que é o derradeiro día de prazo) enviarase a FEGAMP un primeiro listado coa axuda que pode ofrecer o Concello de Cangas e cooperación veciñal. Esta información obtense a través das fichas que están a disposición da cidadanía en Servizos Socias, entre a que se atopa o préstamo de vivendas, de material ou de axuda lingüística e de integración. De esta forma, Cangas unirase ao listado de cidades refuxio que se está organizando en todo o Estado. O listado seguirá igualmente a disposición da veciñanza para seguir recadando información.

As asociacións axudarán de diferentes maneiras: Cáritas, porá a disposición o listado de cooperación que ten aberto, o cal se porá en común co elaborado por Servizos Sociais para saber realmente a solidariedade ofrecida por toda a veciñanza de Cangas; o Comedor Social ofrecerá os seus servizos de xantar, de igual maneira que fai a día de hoxe para as persoas que o necesitan; e dende Vida Digna poñen a disposición material doméstico para habilitar unha vivenda e roupa para as persoas. 

Todos os colectivos salientan a necesidade de crear un plan de traballo conxunto entre institucións, colectivos sociais e veciñanza para que a integración sexa o máis eficaz posible. De igual maneira ven necesario instar ás autoridades estatais a axilizar o traslado dos refuxiados aos lugares de acollida para non ter que esperar seis meses, así como aos países da UE a poñerse de acordo o antes posible. Tamén ven necesario que se aumenten as partidas orzamentarias para a axuda de refuxiados, axilizar a posta en marcha de protocolos específicos e darlle traslado a todas as partes implicadas. Todos coinciden en que a información debe ser fluída entre organismos estatais e municipais.

15 de setembro de 2015 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.