publicidade hoxe

San Sadurniño retoma este sábado os Tempos para compartir

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Logo das vacacións de verán, o programa municipal Tempos para compartir retoma os obradoiros nos que veciños e veciñas de San Sadurniño comparten cos demais coñecementos e habilidades de todo tipo. O primeiro Tempos… do outono terá lugar este sábado no local social de Santa Mariña do Monte, onde Montserrat Fernández nos ensinará a facer cabelo de anxo. Hai que apuntarse antes do mércores chamando ao 981 490 027.

O programa impulsado polo departamento de Igualdade ten como principal obxectivo compartir experiencias útiles para a vida diaria ou para o lecer, ademais de contribuír á cohesión social do territorio fomentando as relacións veciñais. O Tempos… desenvólvese case sempre os primeiros sábados de mes e cada vez nunha parroquia distinta, propoñendo ducias de posibilidades: artesanía, plástica, cociña, transformación de alimentos, etc. Contidos na maior parte dos casos moi visuais e participativos sobre os que se poden dar unhas nocións en pouco máis de dúas horas. 

Nestes obradoiros podemos participar de dúas maneiras, ben como asistentes -son gratuítos- ou ben como docentes por un día daquelas cousas que saibamos facer. En calquera dos dous supostos é necesario chamar ao 981 490 027 (ext. 1), só que cando se trate de propoñer un obradoiro determinado cómpre facelo con adianto suficiente para que dea tempo a organizalo. Para outubro e novembro xa hai dous programados.

O primeiro será en Santa Mariña do Monte este sábado ás 17.00h. e, se cadra,  será un Tempos… ideal para a época do ano na que nos encontramos, cos melóns e cabazas preto do momento idóneo de maduración. Montserrat Fernández ensinaranos a sacarlles partido aos melóns verdes que poboan os mainceiros, convertendo a súa polpa nunha exquisitez. E é que esta veciña de Santa Mariña ensinará como facer cabelo de anxo co que encher ricos pasteis e tortas. A técnica é sinxela en canto aos ingredientes e a preparación, pero cómpre prestar moita atención aos tempos e ás temperaturas de cocción. Segredos que Montserrat coñece ben e que desvelará o sábado para un máximo de 20 persoas, que se poden inscribir ata as 14.00h. do mércores como moi tarde.

En novembro o Tempos para compartir terá un contido tecnolóxico e orientado principalmente á xente con gusto polos deportes de acción, xa que se ocupará de mostrar o funcionamento e as posibilidades das cámaras deportivas GoPro. Impartirao César Galdo o sábado 7 de novembro na Casa da Mocidade de San Sadurniño e, no caso de que o lugar non estivese dispoñible aínda, trasladaríase á Casa da Cultura. Ofrécense 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. A data límite para apuntarse é o 28 de outubro.

Manexo da dor crónica

Outra actividade organizada por Igualdade ocuparase de descubrirnos todos os aspectos referidos á dor crónica. Este obradoiro gratuíto está fixado para a tarde do mércores día 7 de outubro na Casa da Cultura e tamén fai falla inscrición previa chamando 981 490 027 (ext.1). De feito, será necesario xuntar un mínimo de 10 persoas para levalo a cabo.

A enfermeira da Unidade da dor da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ferrol, Carmen Rodríguez, abordará as características da dor, as causas e síntomas máis frecuentes e as pautas e recomenacións que lle faciliten mellor calidade de vida á persoa doente e tamén ao seu contorno familiar.

A xornada está organizada en colaboración coa Escola de Saúde para a Cidadanía do SERGAS.

28 de setembro de 2015 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.