publicidade hoxe

San Sadurniño ofrecerá nos vindeiros meses cursos de inglés, portugués e galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Oficina de Orientación laboral promoveu durante 2015 cursos de idiomas centrados na aprendizaxe do Inglés e na acreditación de coñecementos sobre o Galego. De cara á temporada que comeza, este departamento -en colaboración co centro de estudos Edinan- volve ofrecer estes cursos aos que, ademais, se incorpora a lingua Portuguesa. A formación vai dirixida a persoas adultas co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, posto que saber Inglés é un punto a favor na actualidade para atopar traballo e que o Galego é imprescindible para procesos selectivos da administración autonómica e tamén das locais. Por outra banda, o Portugués ganou enteiros nos últimos anos debido ás oportunidades laborais que están xurdindo en países da lusofonía, sobre todo no Brasil, e de aí que se sume este idioma á oferta lectiva deste ano. O prazo para inscribirse nestes cursos abre o día 21, ben a través de Orientación laboral ou ben contactando directamente con Edinan no 650 198 917.

De Inglés haberá tres accións formativas: un curso de preparación da proba libre da Escola Oficial de Idiomas no nivel B1 con dúas horas de clase durante dous días á semana desde mediados de outubro ata xuño. Outro dos cursos será de nivel básico de iniciación a esta lingua con sesións de 2.5 horas unha vez por semana desde mediados de outubro ata finais de ano. Por último tamén se ofrece un curso básico algo máis avanzado para persoas que xa teñen coñecementos previos -ou que fixeran o de iniciación- que comezaría a primeiros de 2016 e que duraría ata maio, tamén con 2.5 horas de clase á semana.

Con respecto ao Galego, sobre o 15 de outubro tamén se iniciaría o curso preparatorio do CELGA nos niveis 3 e 4, con clases de dúas horas de duración unha vez por semana. 

A última opción, a referida á Lingua Portuguesa, é preparatoria para o exame do nivel B1 da EOI. Arrancará a mediados de outubro e desenvolverase ata a realización da proba, prevista para o mes de xuño. A formación impartirase en sesións de dúas horas dous días por semana. A diferenza do curso de Inglés, para este non é necesario ter coñecementos previos. 

Todos os cursos ofertados realizaranse en horario de tarde-noite e será necesario reunir entre un mínimo de 8 e un máximo de 20 persoas por grupo para levalos a cabo. Os prezos son semellantes aos doutros anos e dependerán do número de horas que se fagan. Así, os cursos de 4 horas semanais terán un custe de 50 euros, os de 2.5 horas custarán 30 e os de dúas horas terán un prezo de 25 euros mensuais.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 21 de setembro e o 13 de outubro, agás para o segundo curso básico de Inglés, que abrirá un prazo específico no mes de xaneiro. Para informarse sobre prezos e condicións ou apuntarse en calquera destas accións formativas cómpre enviar un correo electrónico a info@centrodeestudiosedinan.es poñendo no asunto “San Sadurniño” ou ben chamar ao 650 198 917 en horario de mañá. Outra opción é acudir á Oficina de Orientación laboral -situada no baixo do Concello ao carón do salón de plenos- ou chamar polas mañás ao 981 490 027 (extensión 2).

14 de setembro de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.