publicidade hoxe

San Sadurniño intégrase na Coordinadora de Festivais de Cine de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Hai tan só uns días tivo lugar a segunda xuntanza da Coordinadora de Festivais de Cine de Galicia na que a representación dos festivais máis membros da directiva da Academia Galega do Audiovisual decidiron crear unha xestora que poña en marcha esta asociación coas miras postas en celebrar a asemblea fundacional no mes de decembro. O colectivo de festivais galegos -do que forma parte o Chanfaina Lab- nace coa intención de agrupar a todas as citas audiovisuais deste tipo que se celebran en Galicia.

Ademais de favorecer estas primeiras reunións previas á posta en marcha da coordinadora, a Academia Galega do Audiovisual está promovendo a creación dunha base de datos con todos os certames e festivais para axudarlles a que se comuniquen mellor entre eles e, sobre todo, para darlle a coñecer ao público todas as convocatorias relacionadas co audiovisual que existen no país.

A xestora, formada voluntariamente por representantes de cinco festivais, redactará un texto inicial que será enviado a todos os certames galegos para que poidan facer as súas achegas. O documento de traballo inicial servirá de base para os estatutos da coordinadora e deberá ser aprobado na asamblea que está previsto convocar para o mes de decembro próximo. 

A xestora quedou formada por Ángel Rueda en representación do S8 da Coruña, por Víctor Paz do Play-Doc de Tui, por Aser Álvarez do Festival Carlos Velo de Cartelle, por Juan de Castro como representante do Primavera do Cine de Vigo e, por último, por Sabela Íñiguez en calidade de responsable municipal en San Sadurniño do Chanfaina Lab.

O Chanfaina, que se encontra na fase de elaboración das pezas da súa segunda edición, incorpórase deste xeito ao xermolo dunha entidade que busca, en definitiva, ser unha plataforma de apoio para os festivais galegos e un referente -xunto con outras organizacións do sector- á hora de dinamizar o audiovisual autóctono.

Cine ao aire libre

Despois de varios anos sen el, volve a San Sadurniño o cine ao aire libre. E farao este venres 2 de outubro coa proxección de dúas exitosas películas: a longa de animación “Gru, mi villano favorito” e o filme con selo galego “18 comidas”, dirixido por Jorge Coira e protagonizado, entre outros, por Luís Tosar.

A sesión desenvolverase na praza do Convento do Rosario a partir das 19.30h., primeiro con “Gru…” e ás 21.30 con “18 comidas”. Meteogalicia anuncia bo tempo para ese día. Porén, se se dese o caso de que chovera, a proxección pasaría para a Casa da Cultura. A actividade forma parte do ciclo “Noites de Cine” impulsado pola Deputación que percorre a provincia desde primeiros de agosto.

29 de setembro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.