publicidade hoxe

San Sadurniño e Moeche fletan un bus para a manifestación do sector leiteiro deste xoves en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoecheSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño aprobou no pleno deste sábado unha moción sumándose ás demandas do sector leiteiro galego na que se reclaman medidas que lles garantan aos gandeiros e gandeiras tanto a recollida como prezos dignos para a súa produción. Porén, o texto -aprobado por unanimidade dos tres grupos municipais- recolle o compromiso municipal de apoiar as mobilizacións previstas para esta semana, que culminarán o xoves cunha cunha manifestación polas rúas de Compostela convocada pola Plataforma en defensa do sector lácteo. Neste sentido, San Sadurniño e Moeche porán un autobús para todas aquelas persoas que queiran unirse á mobilización. O transporte sairá do campo da feira de Moeche este xoves, día 10, ás 9.45h. e fará unha parada diante da Casa do Concello de San Sadurniño, desde onde partirá con rumbo a Santiago sobre as 10.00h.

O problema do leite ten cantas ramificacións se queiran buscar e analizar, pero podería condensarse no caso galego, a grandes trazos, en só catro:

-Un escenario de libre mercado total provocado pola eliminación do mecanismo regulador que supoñían as cotas, que moitos gandeiros e gandeiras mercaron con créditos que aínda están pagando.

-Prezos marcados polas grandes superficies comerciais que usan o leite en moitas ocasións como produto reclamo publicitario vendéndoo por baixo do que custa producilo.

-Empresas leiteiras que recollen e que impoñen prezos de acordo coa grande distribución, recorrendo para iso medidas de presión sobre a gandeiría como retrasar os pagos, non pagar as contías pactadas ou deter en seco a recollida nas explotacións dun produto perecedoiro que ningunha granxa pode almacenar máis aló duns días, xa que as vacas se moxen a diario e o leite hai que gardalo nalgures. Nesta última situación sempre aparece quen o leve, pero non xa ao irrisorio prezo de 27 céntimos, senón a 10 ou 15… que sempre serán “algo máis” de ganancia que ter que tirar a produción.

-A ausencia de medidas impulsadas desde as administracións autonómica e estatal que reequilibren dalgún xeito o mercado, de maneira que quen produce teña garantizados prezos axeitados para o froito do seu traballo.

Isto é un resume acelerado e simplificado do que está ocorrendo co leite en Galicia, onde os profesionais da gandeiría cobran entre 7 e 10 céntimos menos por litro que en Andalucía, a pesar de sermos a principal produtora do Estado -máis do 40% do leite español prodúcese aquí- e unha das grandes potencias de Europa, afectada á súa vez, segundo parece, por unha acumulación de excedentes que antes absorbía o mercado ruso agora pechado para as exportacións europeas. Unha situación, polo tanto, que tamén provocou importantes baixadas no prezo do leite noutras zonas da Unión, como Francia, Alemaña ou os Países Baixos. E iso a pesar de que estes países buscaron mercados deficitarios coma o español para colocar o que antes ía para Rusia.

En Galicia o sector reclama, en definitiva, poder vivir dignamente do leite. Que se tomen medidas que lles aseguren prezos mínimos e que a cantidade pagada polo consumidor final repercuta máis en quen mantén o gando e o moxe que en quen só o envasa ou o coloca no liñal.

Aquí pídese, entre outras cuestións, un compromiso da grande distribución de que venda o leite polo prezo que ten que ter e que, a partir de aí, cadaquén -industria e explotacións- perciba o que lle corresponda sen perder de vista que todo o mercado se sustenta en familias que viven do gando e que cumpren unha función incuantificable mantendo vivo o medio rural e toda unha economía asociada a el. 

Tan simple -e tan complexo- coma iso. Pero tamén se esixe que a administración vele porque o sistema funcione como debe funcionar, que é distinto de intervir nel. ¿Como?. Pois impedindo que se venda no súper leite a perdas -algo que xa está prohibido-, vixiando que se cumpran os contratos de venda e recollida sen que ningunha das partes poida rompelos pola súa conta… etc. Ata o momento o Ministerio de Agricultura limitouse a representar o papel do mediador no canto de levar adiante medidas máis activas como esixe o sector produtivo. A responsable da área insta a que os gandeiros se agrupen en organizacións de produción que lles permitan sobrevivir nun mercado liberalizado no que calquera política de protección que queira levar adiante o Estado se vería supeditada ao que Europa lle deixe facer. Máis recentemente anunciáronse axudas de 300 euros por vaca para aquelas explotacións que non cubran gastos. Un parche que axudaría a saír do paso nestes momentos críticos pero que non solucionaría a raíz do problema, tal e como aseguran os sindicatos.

Boa parte do problema do leite en Galicia vénse repetindo de vello. Pero foi agora, xusto despois de desapareceren as cotas, cando se fixo máis patente. Os gandeiros e gandeiras dixeron “basta” e botáronse ás rúas, primeiro a pé e máis recentemente nos seus tractores. Lugo permanece desde hai unha semana cercado pola maquinaria e Santiago está vivindo a primeira xornada dunha tractorada que, en principio, rematará o xoves 10. Malia que ambas concentracións tiveron unha orixe común, agora iniciaron camiños organizativos distintos que, con todo, buscan os mesmos obxectivos. Tanto en Lugo como en Santiago seguirán moi de preto o resultado da xuntanza dos ministros e ministras de Agricultura da UE reunidos hoxe en Bruxelas, tamén tomada polos tractores. O que acorden pode ser decisivo para o futuro da produción leiteira en toda a Unión. Os gandeiros e gandeiras estarán tamén pendentes das medidas que adopte o goberno estatal dentro da marxe de manobra que lle permita Europa e que, presumiblemente, se coñecerán este mércores. 

Mentres, sindicatos, concellos e partidos políticos sumáronse ás reivindicacións gandeiras que, no caso de San Sadurniño, se materializaron na aprobación de dúas mocións dentro do pleno. A última, tratada o sábado pasado, incide nas demandas do tecido produtivo e reafirma o apoio ás mobilizacións. De aí que para a do xoves o Concello -en colaboración con Moeche- teña previsto poñer un autobús que sairá ás 9.45 da feira do concello veciño e que parará pouco antes das 10 diante da Escola Infantil Municipal A Rolada. A chegada a Santiago agárdase para as 12.00h. e a volta será ao remate da manifestación que percorrerá as rúas compostelás desde Salgueiriños ata San Caetano.

7 de setembro de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.