publicidade hoxe

Rueda destaca en Baiona a importancia do labor dos concellos na loita contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+
Alfonso Rueda na visita ao CIM de Baiona

Alfonso Rueda na visita ao CIM de Baiona

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou este mediodía, acompañado da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella o Centro de Información á Muller de Baiona, no que o goberno galego leva investidos máis de 200.000 euros nos últimos cinco anos. Na visita tamén participou o alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuíña.

Alfonso Rueda manifestou que o goberno galego colabora cunha achega anual de máis de 3 millóns de euros para contribuír ao mantemento dos 80 CIMs que hai na nosa comunidade e que garanten a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da Igualdade, proporcionando asesoramento psicolóxico e xurídico; así coma información sobre recursos específicos para as mulleres vítimas da violencia de xénero e aos seus fillos e fillas.

O total compromiso ta Xunta de Galicia coa loita contra a violencia de xénero ten sempre un reflexo real nos seus orzamentos, coma así o indica o reforzo para este ano nas partidas destinadas ao ámbito da violencia machista que foron incrementadas dun 17 por cento con respecto ao ano pasado.

O goberno galego considera prioritario acadar igualdade real entre homes e mulleres e erradicar dunha vez a violencia contra as mulleres e, por suposto, contra os seus fillos e fillas, unhas vítimas que moitas veces se invisibilizan, no que é fundamental o papel dos concellos nesta loita, porque moitas veces son os primeiros en detectar os problemas, e os máis achegados aos seus veciños e ás mulleres vítimas da violencia de xénero.

No caso de Baiona, o pasado ano atendeu a máis de 200 persoas, e nos últimos cinco anos, o Concello ten recibidos case 200.000 euros da Xunta para apoiar a Igualdade, entre a subvención para mantemento do CIM, programas de promoción de Igualdade, de conciliación e de prevención da violencia de xénero. O Centro conta cunha directora que ademais é axente de Igualdade, cunha asesora xurídica e cunha asesora psicolóxica.

Ademais, o Concello de Baiona está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

14 de setembro de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.