publicidade hoxe

Rematan os cursos na piscina municipal de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Uns 40 nenos e nenas despediron este luns a temporada 2015 da piscina municipal, onde disfrutaron durante dous meses de cursos de natación e outras actividades na auga. A despedida fíxose a cuberto por causa da auga e cunha pequena festa na que todos e todas recibiron un diploma e un agasallo. Malia que os cursos remataron, a piscina continuará aberta ata mediados de mes para o baño libre.

Este ano inscribíronse nos distintos cursos un total de 42 nenos e nenas de entre 3 e 13 anos. Desde xullo participaron en sesións adaptadas a cada idade, cun grupo de adaptación á auga -no caso dos máis pequenos e pequenas-, outro de iniciación e, por último, un grupo de perfeccionamento integrado polos rapaces e rapazas de máis tempo.

Este foi un dos mellores veráns dos últimos anos en canto ao tempo, que só se desbaratou na última quincena de agosto con días de orballos e choivas persistentes malia a boa temperatura. Un tempo desapacible que mesmo acompañou o remate do curso. Aos nenos e nenas non lles importou moito, posto que tan pronto como chegaron á piscina metéronse na auga para brincar canda algún pai e a súa monitora durante as últimas semanas.

Tras este baño rápido organizouse un pequeno aperitivo precedido da entrega de diplomas de mans da titular de Deportes, Sabela Íñiguez. Ademais, os nenos e nenas tamén levaron para a casa unha mochila de regalo.

A piscina municipal aínda permanecerá aberta ata o domingo 13. O horario de apertura é de 16 a 21h. de luns a venres, mentres que na fin de semana estará aberta entre as 12 e as 21h.

2 de setembro de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.