publicidade hoxe

“Raigame” dedica o seu nº 38 a Vilanova dos Infantes e ao párroco Adolfo Enríquez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaOurense
A-
A+

A revista de Arte, Cultura e Tradicións Populares “Raigame”, que edita o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, da Deputación de Ourense, dedica a súa última edición, o número 38, a Vilanova dos Infantes e ao párroco Adolfo Enríquez. A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Pronvicial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o director da revista, Xulio Fernández Senra; o sobriño do párroco, José Manuel Enríquez; e o autor da reprodución da Virxe do Cristal, Manuel Granai.

Rosendo Fernández dixo que o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” organiza co Concello de Celanova a romaría etnográfica “Raigame”, “e neste momento, coincidindo coa celebración das festas da Virxe do Cristal e servindo tamén de homenaxe ao párroco don Adolfo Enríquez, promóvese este monográfico. Dese modo, a Deputación de Ourense mantén o seu compromiso co “Raigame” e coa publicación desta revista, que conta cun gran prestixio no ámbito etnográfico non só en Ourense e en Galicia, senón tamén máis alá das nosas fronteiras.

Rosendo Fernández recordou que falar da revista Raigame é falar dunha publicación que da a coñecer “todos aqueles traballos que afondan no coñecemento da cultura popular galega, contando coa colaboración de especialistas do ámbito na etnografía e a cultura”.

“Este ano a romaría Raigame foi substituída por un acto de homenaxe, recordo e loito ao párroco Adolfo Enríquez”, destacou Xulio Fernández, e o alcalde de Celanova adiantou que no vindeiro ano terá continuidade a celebración da XV edición da Romaría Raigame e que ademais, no 2016 “fará cen anos desde que a vila pasou a chamarse Vilanova dos Infantes (antes a súa denominación era en castelán), sendo un dos primeiros nomes de pobos galeguizados”. Jose Luis Ferro aproveitou para agradecer “un monográfico relacionado co noso concello e coa gran figura de Adolfo e da Virxe do Cristal”, e destacou “o gran labor que fixo Manuel Granai sen que ninguén lle encargase a reprodución da virxe”.

Xulio Fernández apuntou que neste número 38 desta revista os lectores terán a oportunidade de coñecer “o núcleo medieval de Vilanova dos Infantes, o seu entorno físico privilexiado, o santuario da Virxe do Cristal, a súa lenda, e o párroco Adolfo Enríquez que levaba alí case toda a súa vida sacerdotal”.

Pola súa banda, o sobriño de Adolfo Enríquez dixo que hoxe, seis meses despois do sucedido, “o único que temos é o recordo do noso tío” e aproveitou para reivindicar “máis apresuramento” para que se esclareza o caso de Adolfo Enríquez.

A historia de Manuel Granai coa Virxe do Cristal comezou cando coñeceu o crime do párroco. Entón propúxose como reto persoal, sen afán lucrativo, crear unha réplica o máis similar posible a imaxe da Virxe. Logo de catro meses de dedicación a esta reprodución colgou na rede o seu traballo e puxéronse en contacto con el para coñecer persoalmente esta reprodución. Dado o interese e a importancia que para esta terra tiña esta Virxe decidiu que o seu sitio estaba en Vilanova dos Infantes por iso, hoxe fará a entrega da mesma á parroquia.

14 de setembro de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.