publicidade hoxe

Quico Cadaval, Mofa e Befa e a entrega de Premios FETEGA 2015 poñerán o broche final ao 26º Festival de Teatro Galego do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O 26º Festival de Teatro Galego (FETEGA) chega este venres ao seu punto de final. Despois de catro intensos días con programación en horario de mañá, tarde e noite para público infantil, familiar e adulto, a cita co teatro galego no Carballiño despídese este ano cunha gran gala que terá lugar a partir das 22,30 horas este venres no Auditorio Municipal.

O mestre da dramaturxia Quico Cadaval será o encargado de conducir dita gala, na que se entregarán os Premios FETEGA 2015 (Premio á Mellor Actriz, Premio ao Mellor Actor, Premio ao Mellor Espectáculo e Premio de Honra). O premio á Mellor Actriz e ao Mellor Actor decidirano este ano un xurado profesional, que estivo presente en todas as funcións ao longo desta semana, e que está formado por Roi Vidal, Juan Carlos Corredoira e José Leis Martínez. Pola súa banda, o Premio ao Mellor Espectáculo decidirase despois de recibir todas as puntuacións que durante todos estes días puido emitir o público ao rematar cada función. E o Premio de Honra é un galardón que todos os anos concede a organización de FETEGA a unha persoa destacada do teatro galego pola súa traxectoria global.

Polo momento, aínda non se fixo público en quen recaerá este galardón de honra este ano, que será sorpresa até case o final. Ademais da entrega de Premios, o público que asista este venres pola noite ao Auditorio do Carballiño tamén poderá gozar do espectáculo ‘Bobas&Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro’, protagonizado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, cun ritmo vertixinoso no que non faltarán os textos clásicos, o humor e o teatro en verso, nunha peza fiada por uns particulares segadores que van a Castela. Pero antes da noite, na última xornada do 26º FETEGA tamén haberá un día máis obradoiros para os máis pequenos da casa. Neste venres serán obradoiros de tarabelas, igual que todos os días anteriores, totalmente de balde, impartidos por Viravolta, pola mañá de 12 a 14 horas e pola tarde de 17 a 19 horas, na Praza do Concello. E no Anfiteatro da Veracruz, a partir das 19:30 horas, este venres cativos e maiores que se acheguen ata alí poderán ver a actuación sorprendente dos Magos do Ribeiro.

10 de setembro de 2015 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.