publicidade hoxe

Protección Civil de Malpica xa conta cunha das bases mellor equipadas da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Base de Protección Civil de Malpica

Base de Protección Civil de Malpica

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica de Bergantiños conta cunha das bases mellor equipadas da comarca. E esa dotación, que inclúe tamén dous vehículos e un edificio propio totalmente reformado despois de varios anos de abandono, vén de mellorar coa entrega, por parte da Xunta de Galicia, dun remolque de emerxencias dotado dun xerador de electricidade, equipo de iluminación, bombas de achique para augas residuais e pluviais, luces de sinalización de accidentes, conos, motoserra, desbrozadora, garrafas e todo o material de autoprotección correspondente. Hoxe realizouse a presentación oficial do novo remolque, nun acto no que participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández; o xefe da agrupación, Iván Muíño, e un grupo de voluntarios de Protección Civil.

O alcalde e o concelleiro, que mantiveron unha reunión cos voluntarios, expresaron hoxe de novo o compromiso do goberno municipal coa agrupación e manifestaron a súa disposición a seguir mellorando o equipamento e as instalacións.

O Concello de Malpica continuará deste xeito coa política iniciada no ano 2011 para dotar convenientemente o grupo local de Protección Civil. A base, que levaba 11 anos construída, atopábase nun estado de abandono absoluto, polo que ao longo destes catro anos foi preciso cambiar os teitos, ventás, portas, solos, solucionar os problemas de humidade, pintar e amoblar as dependencias. Nestes momentos, o edificio conta cunha ampla zona de recepción e operacións, baños, almacén-garaxe, despacho, vestiario-zona de lecer e cociña perfectamente equipados. Tamén se acometeu a maior parte da urbanización exterior, na que participaron os propios voluntarios e voluntarias e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, coa execución directa das obras.

Os próximos obxectivos son a ampliación da base e a adquisición dunha nova embarcación de salvamento.

23 de setembro de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.