publicidade hoxe

Os servizos de emerxencias nas praias de Cangas realizaron máis de 1.000 intervencións no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Concellería de Praias fai balance das intervencións por parte do servizos de emerxencias, tanto de socorrismo coma de Protección Civil, nas praias canguesas durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Rodeira, Areamilla, Liméns, Nerga, Melide, Areabrava e Menduíña,as sete praias que contaron durante os tres meses de verán con socorristas, contabilizaron un total de 1169 actuacións: 115 por picadura de fanecas, 172 por picadura de insectos, 43 por golpes, 327 por feridas, 4 por queimaduras, 135 por embarcacións que acceden ás praias fóra do canal de entrada e saída e 373 por aviso de cans nos areais. A Concelleira de Praias, Tania Castro, comprométese a mellorar e reducir as cifras no que na concellería ten competencia: no relativo ás embarcacións e aos cans. “Ata o momento, a prohibición de acceso aos areais con animais domésticos non só non se respectaba senón que impedía a convivencia tranquila na praia. Sabendo que para a operativa de praias 2016 contamos cunha praia con acceso para cans, podemos prever un descenso deste tipo de incidencias”.   

Por praias, Areabrava (242 intervencións) e Nerga (206 intervencións) encabezan as praias con máis incidencias, mentres que Areamilla (115 intervencións) postulase como a praia máis tranquila, xa que ademais non houbo intervencións a maiores das citadas anteriormente. Entre as intervencións máis rechamantes, están o rescate a unha persoa atragantada en Rodeira, á que se lle realizou a manobra de heimlich (15 xullo) ou o afundimento dun barco a 400 metros da praia de Areabrava (9 de agosto). O traslado no 061 de bañistas tamén foi necesario por dores de cabeza, mareos, desmaios, corte de dixestión, baixadas de tensión ou golpes. 

En vista ás estatísticas, Castro valora positivamente o servizo realizado polo equipo de salvamento dirixido por Protección Civil e resalta o traballo ben feito neste servizo.

30 de setembro de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.