publicidade hoxe

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ chega esta fin de semana a Riveira e a Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousameRiveira
A-
A+

Os famosos Bolechas deciden rematar o mes de setembro no sur da provincia da Coruña, e fano levándolle ao público máis cativo o seu espectáculo ‘Os Bolechas na máquina do tempo’. A primeira cita é mañá sábado en Riveira (18:30 horas, no Auditorio Municipal) e a seguinte actuación desta fin de semana está programada para o domingo en Lousame (18:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Esta aventura, que Os Bolechas comezaron no mes de marzo en Ourense e coa que xa levan percorridas 23 localidades galegas, prográmallela a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista dirixido, especialmente, á cativada de 4 a 8 anos de idade; pero que supón unha boa dose de entretemento e de diversión en galego para toda a familia. Os Bolechas, deseñados por Pepe Carreiro, falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos; con isto preténdese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos protagonistas da montaxe.

Nova aventura e concurso

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, e Tatá -na compaña do fiel canciño Chispa- baten desta volta cun obxecto creado por un científico do máis extravagante: o doutor Apolodoro. Ese aparello é a marabillosa máquina do tempo, que fará que Carlos e Pili viaxen pola historia ata o futuro e se convirtan en adultos. Para que poidan regresar á infancia seralles imprescindible a axuda do público presente nas funcións.

A actividade de dinamización lingüística proseguirá a súa xira no ‘FalaRedes’ ata completar un total de 40 localidades da RDL visitadas a finais do mes de outubro. O calendario completo pódese consultar en www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia, e ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo; nela, os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e gozaren de xogos e sorteos. A este respecto, os asistentes ao espectáculo terán acceso en exclusiva a unha palabra chave coa que poderán dobrar o premio do sorteo que se celebra cada fin de mes e accederen a dous lotes de libros dos Bolechas no caso de resultaren premiados. Para participar, abonda con entrar en www.osbolechas.com/maquinadotempo/sorteo.html

Nesta ocasión están en xogo 14 lotes de libros con historias protagonizadas polos Bolechas, un por cada espectáculo que estes irmáns ofreceron durante o mes de setembro. O sorteo realizarase o xoves 1 de outubro, e a listaxe de premiados poderase consultar con posterioridade en www.osbolechas.com/maquinadotempo/premiados.html

‘FalaRedes 2015’

A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ segue os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.

Máis información sobre “FalaRedes” 2015 no apartado exclusivo dentro do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://ir.gl/a416b6 e tamén nas redes sociais.

25 de setembro de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.