publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Oito novos concellos beneficiaranse dos descontos do Plan de transporte metropolitano

Ethel Vázquez na reunión co alcalde da Estrada

Ethel Vázquez na reunión co alcalde da Estrada

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anuncia que 8 novos concellos beneficiaranse a partir do vindeiro luns dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano. Vázquez informou deste avance tras unha xuntanza de traballo co alcalde da Estrada, José López. Na área metropolitana da Coruña, intégranse Ordes, Curtis e Carballo; na de Santiago, A Baña, Vila de Cruces, Padrón, Ordes, e A Estrada; e na de Lugo, Baleira.

As tarxetas de transporte metropolitano xa estarán dispoñibles mañá nas oficinas de Abanca destes municipios que se integrarán noutras áreas nas que este servizo leva operando dende a implantación deste plan.

Con este novo paso ultímase o dispositivo para a posta en marcha do programa de transporte público impulsado pola Xunta de Galicia. Os dispositivos de pago, cun prezo bonificado de 2 euros, poderán adquirirse sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentado o DNI, e funcionan como tarxetas moedeiro que deberán recargarse nas oficinas ou nos caixeiros.

O portal web do Transporte Metropolitano de Galicia, http://tmg.cmati.xunta.es/, ofrece unha detallada explicación do seu funcionamento e das súas vantaxes, incluíndo os cambios que supón en canto ao abaratamento das viaxes e a bonificación dos transbordos.

Aforros

Ethel Vázquez explicou que os usuarios do transporte metropolitano co emprego da tarxeta acadarán descontos de entre o 30 e o 50%, que no caso da viaxe entre Santiago e A Estrada será dun 40% máis os transbordos no urbano gratuítos. Deste xeito, unha persoa que empregue diariamente o interurbano e o urbano para desprazarse da Estrada a Santiago aforrará ao ano preto de 800 euros.

A titular de Medio Ambiente destacou que estes importantes aforros suporán unha mellora directa para os cidadáns, que é o que buscan a Xunta e os Concellos con estes acordos.

Un millón e medio de beneficiarios

A responsable de Infraestruturas subliñou que con estas incorporacións, o transporte metropolitano de Galicia chegará a preto dun millón e medio de persoas.

Ethel Vázquez concretou que se trata dun plan de éxito contrastado ao rexistrar un millón de desprazamentos cada mes nas cinco áreas nas que está operativo, unha cifra que supera un 35% superior que a do ano 2011.

A conselleira destacou que este sistema de transporte público colectivo ofrece aos veciños beneficios sociais, ambientais e económicos, tres aspectos clave na promoción dunha mobilidade propia do século XXI.

7 de setembro de 2015 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.